SANTIAGO DE COMPOSTELA 22 May. (EUROPA PRESS) -
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu que o Goberno galego estará "á altura" das súas responsabilidades con respecto á difícil situación que afecta a Pescanova, pero advertiu que agora os que "teñen que actuar e de modo executivo" son os administradores concursais e as entidades financeiras.
"A Xunta colaborou dende o primeiro momento fronte ás dificultades de Pescanova co obxectivo de garantir en todo o que se poida a viabilidade da empresa e aos administradores concursais cónstalles perfectamente", esgrimiu Rueda, tras ser preguntado pola decisión do Executivo autonómico de non dar o aval que Deloitte pediu para compañía, que precisa 55 millóns de inmediato.
"Na parte que nos corresponde ninguén teña ningunha dúbida de que que hai colaboración e creo que os primeiros que non teñen dúbidas e que saben que a Xunta está a colaborar son os propios administradores concursais", insistiu o vicepresidente galego, en declaracións aos medios en Santiago.
Dito isto, advertiu de que é aos administradores concursais e ás entidades financeiras aos que corresponde "exercer as súas responsabilidades". "E a Xunta, na parte que lle toca farao tamén. A Xunta estará á altura, que non lle caiba a ninguén ningunha dúbida", concluíu.