Xunta e Goberno central revisarán os dereitos da flota cefalopodera en Mauritania a principios de 2009

O BNG denuncia a "inseguridade xurídica" dos buques galegos e a falta de actuación da UE

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 17 noviembre 2008 17:36

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Nov. (EUROPA PRESS) -

Representantes da Xunta de Galicia e do Goberno central "farán valer" os dereitos e posibilidades de pesca da flota cefalopodera que opera en augas de Mauritania a partir das solicitudes do sector e dos informes científicos na reunión que a comisión mixta -integrada pola Comisión Europea e o país africano- manterá no primeiro trimestre de 2009.

Así o asegurou o secretario xeral da Consellería de Pesca, Miguel Anxo López Sieiro, durante a súa intervención en comisión parlamentaria en resposta a unha cuestión formulada polo BNG sobre as dificultades que atravesan os 24 buques galegos dedicados á pesca de polbo e outros cefalópodos neste caladero e o "desentendemento" da Unión Europea neste sentido.

O voceiro nacionalista de Pesca, Bieito Lobeira, recordou que as 39 licenzas concedidas en 2006 aos pesqueiros galegos -dous deles con base en Marín e Vigo e os restantes con porto en Las Palmas (Grande Canaria) aínda que de capital autóctono- rebaixáronse este ano, tras a revisión bianual do acordo, a 24.

Así criticou que esta redución coincidise coa entrada de dous estados comunitarios sen presenza anterior en augas mauritanas, Grecia -tres buques- e Portugal -un-, que se suman a Italia -catro barcos-. "Foi o novo torpedo á liña de flotación dunha flota que sufriu moito co fin do acordo pesqueiro con Marrocos", afirmou para engadir que, na actualidade, faena o 25 por cento dos buques que operaban hai 10 anos.

Nesta liña destacou a "preocupación" da formación nacionalista ante a "periodicidade" dos paros biolóxicos declarados polas autoridades do país africano, que impiden o normal trascurso da campaña dos cefalopoderos -de tres meses-, así como a "inseguridade xurídica terrible" na que traballan as tripulacións, con constantes "apresamentos" e "inspeccións".

Por iso, Lobeira demandou a intervención do Goberno galego para lograr realizar "presión política" ante a UE e evitar que se avance na redución da flota galega neste caladero, unha petición ante a que López Sieiro comprometeu o respaldo das administracións galega e estatal a principios do ano que vén no marco da Comisión Mixta. Así, incidiu na presenza "activa" dos representantes da Consellería de Pesca en Bruxelas.

TRABALLO "NORMAL"

"Hoxe os 24 buques galegos traballan con normalidade", asegurou o secretario xeral, que se referiu ao descenso das inspeccións "aleatorias" realizadas polas autoridades mauritanas e destacou a "actividade regular en rendementos" da flota cefalopodera. A ela, súmanse outros seis arrastreiros galegos dedicados á captura de pescada negra no mesmo caladero.

Non obstante, recoñeceu que a finais do ano pasado abandonaron estas augas outros 19 buques como consecuencia da revisión do acordo de 2006 e atribuíu a redución das licenzas á modificación de incluída no memorando renovado este ano.

"Trasladaremos a realidade operativa da flota", reiterou a Lobeira, tras informar de que a tripulación de cada unha das embarcacións oscila entre os 19 e os 22 mariñeiros, na súa maioría da península do Morrazo (Pontevedra), como apuntou o deputado nacionalista.

López Sieiro considerou que outras cuestións que afectaban ao labor das tripulacións eran as relativas ao peso do polbo capturado para a súa posterior comercialización. "Era un dos principais problemas", matizou e destacou que xa está "corrixido".

Contenido patrocinado