A Xunta instala na ría de Ferrol a terceira batea para depuración de moluscos de zonas C

Europa Press Galicia
Actualizado: sábado, 26 mayo 2012 21:07

SANTIAGO DE COMPOSTEla 26 May. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Medio Rural e do Mar comezou este sábado a colocación da terceira estrutura flotante que se utilizará para o proceso de reinstalación de moluscos procedentes das zonas C na ría de Ferrol, segundo informou nun comunicado.

A batea situarase, segundo apunta o departamento, na zona da Punta de San Carlos, onde están as outras dúas. O obxectivo é "axilizar a depuración de marisco procedente das zonas C, debido á maior produción das confrarías do litoral coruñés," explica.

Trátase dunha plataforma de 22 metros de eslora, 12 de manga e 2,5 de puntal de construción. Para o seu fondeo empregaranse dous mortos, é dicir, dous bloques de formigón que exercen de ancoraxe.

Un deles é de 15 toneladas e fondearase na zona de proa e o outro, de 10, irá na popa. Ambos os dous estarán suxeitos por cadeas que se enganchan no fondo para estabilizar a estrutura.

O seu funcionamento, segundo asegura Medio Rural e Mar, "permitirá unha maior capacidade de depuración do molusco e complementará ás outras dúas bateas que hai na ría e que teñen unhas dimensións de 23 x 22 e 22 x 20 metros".

A función é depurar naturalmente o molusco procedente de lugares nos que non está permitida a súa extracción, para poder comercializarse en fresco "con todas as garantías".

Antes da posta no mercado, o Intecmar realiza análise sobre o produto para comprobar que está nunhas condicións "óptimas" para o consumo, subliña a consellería.

Este sistema de reinstalación comezou a funcionar a primeiros de xaneiro co propósito de recuperar a actividade marisquera habitual dos pósitos. Medio Rural e Mar prevé a recuperación en Galicia dunha produción dunhas 450 toneladas anuais de moluscos bivalvos, que xeran en torno aos 6 millóns de euros de valor no mercado.

Contenido patrocinado