Plan para rebaixas no solo industrial e favorecer a recolocación

Alberto Nuñez Feijoo
Foto: ANA VARELA
Actualizado: jueves, 27 noviembre 2014 19:40

Aprobado o decreto que garante a inclusión de canalizacións para as telecomunicacións en todos os proxectos de estradas autonómicas

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Nov. (EUROPA PRESS) -

   A axenda galega para favorecer a competitividade e articular a 'industria 4.0' na comunidade aspira a crear 50.000 empregos e elevar o peso desta actividade no PIB autonómico ata o 20% no ano 2020. Para iso impulsará medidas como rebaixas a venda do solo industrial, que oscilarán entre o 15 e o 50%, e favorecerá os procesos de relocalización na comunidade.

   Explicárono o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ao termo do Consello da Xunta, que analizou este xoves un proxecto no que tamén se contempla o impulso de novas liñas de financiamento e de "apoio" para proxectos orientados á "fábrica intelixente".

   O obxectivo último, en palabras de Conde, é asentar en Galicia unha industrria "moderna, competitiva, diferenciada, sostible e xeradora de emprego de calidade".

   Na mesma liña, o presidente galego, quen concretou que se pretende elevar o peso da industria no PIB autonómico nun 6,5% --xa que actualmente supón o 13,5%--, reivindicou que é "a primeira vez" que a Xunta presenta un plan industrial "con prazos, rigoroso e complementario" co resto de instrumentos económicos.

60 MEDIDAS

   Segundo explicou Conde, esta axenda, que será consensuada cos axentes implicados, suma un total de 60 medidas e aspira a "modernizar" a industria da comunidade a través da innovación, con "novas fórmulas de produción" que melloren a súa competitividade e impulsando a fabricación de produtos "diferenciados e de calidade".

   Cunha clara "orientación sectorial", o plan da Xunta aspira a reforzar sectores estratéxicos como o naval, o forestal, a automoción, o agroalimentario e o téxtil, pero tamén a "impulsar" outros "emerxentes" e de maior valor engadido como o aeronáutico, o biotecnológico ou as TIC.

   O reto, en palabras do conselleiro é "consolidar" en Galicia a denominada 'industria 4.0', composta por "fábricas intelixentes", que conta con espazos compartidos entre persoas e máquinas, e outorga "máis responsabilidades ás persoas, máis cualificadas e ben formadas, capaces de xestionar eficientemente os novos ámbitos produtivos".

CHAN INDUSTRIAL MÁIS BARATO

   Entre as medidas do proxecto, prevese o abaratamento do solo industrial. En concreto, prevese unha rebaixa no custo do metro cadrado de chan industrial de ata o 50% para aqueles parques empresariais situados nas zonas do 'Plan Impulsa --Ourense, Lugo, Ferrolterra e Costa da Morte--, así como para os concellos fronteirizos con Portugal.

   Ademais, fíxase unha rebaixa do 30% no resto de parques, salvo os das áreas urbanas, que contarán cun desconto do 15% --Mos, Ponte Caldelas, Santiago e Morás--.

   A Xunta considera apoiar tamén un sistema que aposte pola Formación Profesional Dual, ao tempo que se crea un mecanismo de vixilancia do ámbito normativo.

FÁBRICA "INTELIXENTE" E RELOCALIZACIÓN

   Para o crecemento, a axenda considera a activación de novos programas de financiamento, entre os que se inclúe unha liña de apoios que priorizar aos proxectos orientados cara á "fábrica intelixente", así como axudas para "impulsar que as empresas gañen tamaño".

   Tamén se activará un programa bautizado 'Fábrica Intelixente' que, a través dun concurso, financiará os "mellores proxectos presentados dentro do marco da 'Industria 4.0'. Esta iniciativa complementarase coa creación de aceleradoras de innovación nas catro provincias galegas e a posta en marcha de novos programas para a captación dos fondos 'Horizonte 2020' e 'Cosme'.

   Ademais, porase o foco no impulso da hibridación intersectorial para "facilitar o aproveitamento das sinerxías entre sectores favorecendo a súa competitividade".

   Para detectar e impulsar novas oportunidades comerciais, activarase un 'Programa de Intelixencia Competitiva' que facilitará a vixilancia de mercados e impulsaranse 'business factories', focos de emprendimiento industrial, mediante plans operativos sectoriais.

   No que respecta aos novos mercados e ligado co desenvolvemento da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega, potenciaranse os procesos de relocalización e de integración de cadeas de valor, así como o papel de Galicia como "plataforma loxística" no tráfico de mercadorías.

CANALIZACIÓN DE TELECOMUNICACIÓNS

   O Goberno galego tamén aprobou este xoves, segundo explicou Feijóo, o decreto que garante a inclusión de canalizacións para as telecomunicacións en todos os proxectos de estradas impulsados polo sector público autonómico, derivado da lei que ordena as infraestruturas de telecomunicacións en Galicia.

   O presidente destacou que esta medida "axilizará" a implantación das redes de telecomunicación no territorio e permitirán "reducir" os custos asociados á obra civil, que supoñen ata un 80 por cento do importe total dos despregamentos.

   Os operadores poderán facer uso destas canalizacións a cambio do pagamento dunha taxa polo uso do dominio público, segundo a Xunta, que subliña que a inclusión destas infraestruturas na fase de execución das obras públicas non ten "un impacto relevante" nos presupostos públicos.