A Xunta negocia con empresas "potencialmente interesadas" en facerse cargo de Factoría Naval

Os traballadores ofrécense a "demostrar" que o estaleiro "volve funcionar" se o propietario abandona a empresa

   PONTEVEDRA, 9 Feb. (EUROPA PRESS) -

   A Consellería de Economía e Industria mantén negociacións con "empresas potencialmente interesadas" en facerse cargo do estaleiro Factoría Naval de Marín, que se atopa en preconcurso de acredores e que a semana próxima podería anunciar a extinción de 35 empregos.

   O conselleiro de Industria, Javier Guerra, tamén estudará "con detalle" a intención que lle trasladaron os propios traballadores de asumir a xestión, unha posibilidade que valorou de modo "moi positivo".

   Tras reunirse en Marín --por terceira vez nos últimos meses-- co comité de empresa, Javier Guerra reiterou que a Xunta segue estando "comprometida e preocupada" pola situación de Factoría Naval, que dende 2009 vén arrastrando unha débeda que xa ascende a 100 millóns de euros.

   Guerra cualificou de "grave e moi complicada" a situación do estaleiro, que achacou á "mala xestión". Ata o 30 de marzo, data na que finaliza o prazo do preconcurso, o titular de Industria comprometeuse a "facer o posible para que o estaleiro teña viabilidade".

   Javier Guerra explicou que o obxectivo da Xunta é "sacar o estaleiro adiante, que non vaia a liquidación e siga co maior número de traballadores".

   Non obstante, Guerra adiantou que nin o Igape nin Xesgalicia volverán inxectar fondos públicos en Factoría Naval, argumentando que "xa puxeron moito diñeiro para garantir o futuro deste estaleiro e da industria auxiliar desta bisbarra".

   Así, Guerra apelou ao "compromiso" tanto do propietario de Factoría Naval, José María Suescun, que posúe un 91% da empresa, coma das entidades financeiras integradas no conxunto de accionistas, Novagalicia Banco e Bankia, para "poñer cada un da súa parte e que este estaleiro sexa viable".

   O concelleiro de Industria asegurou que dende a Xunta se fixeron "infinidade de xestións" para "esixir" que Factoría Naval "siga adiante" rebaixando a débeda e elaborando un novo plan de negocio, posto que o anterior "non se cumpriu", criticou Guerra.

RETIRADA

   O presidente do comité de empresa, Nicolás Pérez, reclama "que saian os propietarios", porque só dese xeito os traballadores poderían "recuperar a clientela" que deixou de varar os seus barcos en Factoría Naval "debido ao trato do actual dono".

   Posto que os traballadores teñen "os contactos dos clientes de toda a vida" e que agora son "remisos a traballar connosco", dende o comité vense capacitados para "demostrar que isto volve funcionar, que sabemos facer e reparar barcos", pero só se se dá a circunstancia de que Suescun abandona a propiedade de estaleiro.

   Nicolás Pérez recordou que fai pouco menos dun ano Factoría Naval construíu "o buque tecnoloxicamente máis avanzado da historia de España"; unha bagaxe que considera que podería atraer "xente interesada no conxunto de accionistas", xa que os traballadores carecen de liquidez para conseguir o control do estaleiro.

   Durante a súa reunión co conselleiro de Industria, Nicolás Pérez urxiulle para que se axilicen as negociacións co propietario e as entidades financeiras, xa que "non hai tempo e sobre as nosas cabezas pende un ERE de extinción".

   O voceiro dos traballadores mantén a esixencia de "que se cumpran os acordos", que condicionaban as axudas da Xunta ao mantemento dos postos de traballo.

   Mentres tanto, o equipo de Factoría Naval seguirá mobilizándose e este venres ás 15:00 horas volverán escenificar o enterro do estaleiro polas rúas de Marín.

El vídeo comenzará después de 30 segundos de publicidad.
Portal Turismo
 
la actualidad más visitada en www.europapress.es
El CICR confirma que las FARC liberarán al periodista galo el miércoles Nuevo disco de Bon Jovi a principios de 2013 Hesjedal remonta a 'Purito' y gana el Giro

www.europapress.es es el portal de actualidad y noticias de la Agencia Europa Press. Publicación digital auditada por OJD.
© 2012 Europa Press. Está expresamente prohibida la redistribución y la redifusión de todo o parte de los contenidos de esta web sin su previo y expreso consentimiento.