A Xunta multiplicará por 18 a partida para formación de autónomos

El conselleiro de Economía, Francisco Conde, y la responsable de Emprego
EUROPA PRESS
Actualizado: lunes, 29 agosto 2016 14:36

Conde avanza a creación de grupos de traballo sobre este campo, o relevo xeracional, riscos laborais e formas de comercialización

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Ago. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Economía, Francico Conde, comprometeuse este luns a multiplicar por 18, segundo os seus propios números, a partida específica que a Xunta destinará na próxima convocatoria á formación de ocupados para o colectivo de autónomos, de forma que esta contía se elevará ata os 3 millóns de euros.

Así o trasladou Conde aos xornalistas, xunto á secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, durante un receso da Mesa do Autónomo, que esta xornada celebrou a súa segunda reunión.

En declaracións aos medios de comunicación, o conselleiro apuntou que esta dotación se incorporará na próxima convocatoria de axudas á formación de ocupados, de 2016, e esperou "que nas próximas semanas xa se poida concretar e polo tanto estar a disposición dos autónomos".

O responsable do departamento autonómico fixo fincapé no "novo ciclo" que afronta, ao seu xuízo, a economía, ante o que avogou por dar "tamén novas respostas".

Así, avanzou igualmente a creación de catro grupos de traballo cos autónomos: relativos aos campos da formación, a sucesión empresarial --relevo xeracional--, prevención de riscos laborais e novas formas de comercialización. "Para que poidamos seguir dando respostas neste novo contexto", incidiu.

"COLABORACIÓN E DIÁLOGO"

Ao respecto do colectivo, valorou que "un de cada catro traballadores en Galicia" son autónomos, polo que a comunidade se presenta como a segunda en que ten "maior peso relativo na economía". Case o 60% deles teñen antigüidade de máis de cinco anos, de acordo cos datos que expuxo, e máis do 40% son mulleres.

Neste escenario, apostou pola "colaboración" e a "interlocución" e o "diálogo" coas asociacións que representan aos autónomos e reivindicou medidas xa postas en marcha este ano como "a que permite o incremento do tamaño dos autónomos a través das iniciativas locais de emprego, cunha dotación de 3 millóns de euros".