A Xunta realizará un "segundo tratamento" contra a lexionela en As Gándaras, aínda que "a normalidade é total"

Actualizado: jueves, 27 noviembre 2014 14:58

LUGO, 27 Nov. (EUROPA PRESS) -

A Xunta de Galicia prevé realizar un "segundo tratamento de desinfección" contra a lexionela na residencia de maiores de As Gándaras, onde se produciron ata oito casos de contaxio, aínda que considera que, pasado o período de incubación, "a normalidade é total" nas instalacións.

A delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, compareceu este xoves en rolda de prensa para trasladar a normalidade que se vive na residencia de As Gándaras, tras o brote de lexionela detectado a inicios do mes de novembro.

Dos oito usuarios desta residencia afectados por esta patoloxía, Raquel Arias informou de que só permanece ingresado un paciente no Hospital Lucus Augusti, mentres que o resto foron xa dados de alta.

Por outra banda, tamén permanecen ingresados neste centro dous usuarios da residencia de Guntín que rexistrou estes días un brote de lexionela. Outros tres afectados recibiron a alta.

SEN NOVOS CASOS

Dende o día 17 de novembro, apuntou a delegada da Xunta, "non se produciu ningún ingreso de usuarios da residencia pública de As Gándaras e dende o 19 --de novembro-- no caso de Guntín". Tendo en conta estes datos, a Xunta cre que xa pasaron "tódolos períodos de incubación, que se sitúan no ámbito dos dez días dende o último contacto coa auga quente sanitaria da instalación".

Neste período realizouse en As Gándaras "un mantemento correctivo que consistiu nun tratamento químico", así como unha desinfección. Non obstante, Raquel Arias anunciou que se levará a cabo un "segundo tratamento de desinfección" nestas instalacións.