A Xunta reitera que levará aos tribunais o principio de estabilidade relativa na pesca

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 24 mayo 2013 17:27

SANTIAGO DE COMPOSTELA 24 May. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro, reiterou este venres que a Xunta xa anunciou que está disposta a levar aos tribunais o principio de estabilidade relativa se non se modifica na política europea. "Esta é a verdadeira barreira aos nosos intereses pesqueiros", destacou.

Maneiro pronunciouse deste modo en resposta a unha pregunta formulada pola deputada socialista Marisol Soneira na Comisión permanente non lexislativa de asuntos europeos. "Iremos aos tribunais", garantiu, pero dixo que é necesario esperar a ver como se plasma na reforma da política pesqueira común (PPC).

Ademais, indicou que a Xunta traballa nas medidas "transitorias" que habería que establecer en caso de que se inicie efectivamente un preito e durante o tempo que este tarde en resolverse.

Soneira chamara a atención na súa pregunta acerca de que os topes de capturas levan a que os mariñeiros galegos "tiren pola borda, non algo que non ten saída no mercado, senón algo que non teñen permitido pescar". Nos movementos ecoloxistas, engadiu "hai de todo" e pediu non transmitir a idea de que os mariñeiros "son desaprehensivos que tiran pola borda o que non ten valor comercial".

Maneiro defendeu que as decisións se basean en estudios científicos, aínda que admitiu que non sempre teñen a mellor calidade e apostou por avalar estas análises sobre o estado dos caladeros.

'TRAGOVE'

Soneira preguntou tamén polo estado no que se atopa o proceso iniciado pola Xunta para reclamar á Confraría de Cambados a devolución de 84.000 euros recibidos en concepto de axuda para a construción do buque 'Tragove'. A socialista advertiu de que "chove sobre mollado" e de que o PP "nalgunhas zonas do país ten amizades moi perigosas", en alusión ao patrón maior deste pósito.

O secretario xeral explicou que a convocatoria de axudas á que se acolleu a construción do barco é de 2009 e indicou que unha vez construído, as inspeccións técnicas determinaron que se producira "unha sobrevaloración" dos custos de financiamento, polo que a Xunta iniciou o proceso para reclamar a devolución parcial de axudas, concretamente de 84.000 euros.

A última resolución neste sentido é do 2 de maio e ratifica a reclamación do Goberno galego. Con ela esgótase a vía administrativa, pero aínda está aberta a posibilidade de recorrer ante a propia conselleira do Medio Rural e do Mar ou de acudir á vía contencioso-administrativa. "Haberá que esperar o fin do proceso para fixar as responsabilidades tanto no ámbito administrativo como contencioso", sinalou.

Contenido patrocinado