A Xunta revisará á alza "varias décimas" a previsión de crecemento para 2018

Feijóo y el conselleiro de Facenda, este lunes
XUNTA
Actualizado: lunes, 23 abril 2018 17:23

   Feijóo e o conselleiro de Facenda reivindican que a economía galega creceu de media ao 3,6% no tres últimos anos e creou 55.000 empregos

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 (EUROPA PRESS)

   O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que o seu Goberno revisará á alza "varias décimas" a previsión de crecemento do produto interior bruto (PIB) da comunidade para este ano 2018, actualmente no 2,5%.

   Avanzouno durante a súa intervención na presentación dun balance intermedio do plan estratéxico 2015-2020, onde tanto el como o conselleiro de Facenda destacaron o cumprimento dos obxectivos marcados, nalgúns casos "moi por encima" do previsto.

   Ante un auditorio no que se atopaban directores e subdirectores xerais, na Cidade da Cultura, Núñez Feijóo reivindicou a aprobación "pioneira" deste documento "en plena tormenta" económica, para "abandonar a paradigma da improvisación".

   Da mesma maneira, o titular de Facenda, Valeriano Martínez, subliñou a "aposta" da Xunta pola planificación, en busca dun modelo "máis produtivo, máis inclusivo e máis sustentable" no que a recuperación "chegue a toda a sociedade".

   Neste contexto, os primeiros indicadores achegados por ambos ao termo desta xornada de traballo interno apuntan a un crecemento de media do 3,6% nos tres anos e a creación de 55.000 postos de traballo.

"PERSPECTIVAS BOAS"

   No caso do crecemento económico, o balance "supera o escenario máis optimista" e as perspectivas para o actual exercicio son "boas", segundo Martínez. En canto ao emprego, esperou situarse "moi preto" dos 70.000 novos postos acabado o ano, cando a meta final é chegar a entre 80.000 e 100.000 en 2020.

   Ambos os mandatarios fixeron referencia a outros ámbitos que mide o plan, como as exportacións, con cifras "récord"; e reducións no abandono escolar e o risco de exclusión social. No apartado da demografía, o conselleiro citou medidas aprobadas polo Goberno galego para tratar de reactivala.

   Para Feijóo, a situación en que está Galicia, "por encima da media das comunidades autónomas", débese a que está a cumprir "a triloxía" composta por déficit, débeda e regra de gasto e á "estabilidade política e institucional" de Galicia.

   Neste escenario de "converxencia" con España e a Unión Europea, cunhas contas saneadas nunha comunidade "solvente" co gasto social "blindado", "menos hipotecas de futuro" e un aumento do investimento "real", o presidente galego comprometeu unha diminución "drástica" da emisión de débeda pública.

   Nos primeiros meses de 2018, segundo lembrou, a economía galega continúa crecendo por encima do 3%, "segue baixando o paro, a produción industrial volve crecer con forza e séguese exportando un 34% máis en xaneiro".