A Xunta sinala que a balanza fiscal non pode ser "determinante nin o único instrumento" para calcular o financiamento

FOTO: Rueda Vigo
EUROPA PRESS
Actualizado: miércoles, 23 julio 2014 15:16

Rueda reivindica que Galicia ten unhas "peculiaridades" que deben ser consideradas como o envellecemento e a dispersión poboacional

VIGO, 23 Jul. (EUROPA PRESS) -

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, incidiu en que os resultados das balanzas fiscais "non poden ser un instrumento determinante e, dende logo non poden ser o único, para calcular o financiamento que lle corresponde a unha comunidade autónoma".

Así trasladouno en declaracións aos medios durante un acto institucional en Vigo, a raíz da publicación dos datos do cálculo das balanzas fiscais, polos que se conclúe que Galicia, cun saldo positivo de 3.240 millóns de euros, é a cuarta comunidade autónoma máis beneficiada.

Rueda fixo fincapé en que se a comunidade galega rexistra un balance fiscal positivo é polo "esforzo" que se fixo nos últimos anos para "cumprir os obxectivos de déficit" e para exercer "unha administración responsable". "Todo iso tense que ver correspondido", recalcou.

Neste sentido, recordou tamén que Galicia ten unhas "peculiaridades" que teñen que ser consideradas, entre as que mencionou o envellecemento, a dispersión da poboación e o custo dos servizos.

Por iso, reclamou que as balanzas fiscais sexan tidas en conta como "un elemento máis" pero non como un instrumento "determinante para calcular o financiamento autonómico". "Esperamos que non o sexa", concluíu.

NOVOS AXUSTES

Finalmente, en relación a posibles recortes, Rueda descartou facer valoracións ata que se reúna o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) --o próximo 31 de xullo--, aínda que se mostrou optimista con que as medidas adoptadas en Galicia nos últimos anos "sen ningunha dúbida van blindar o máis importante, que é o gasto social e sanitario".

Na pasada xornada, a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, indicara que, polo momento, Galicia non ten ningunha nova medida de axuste sobre a mesa.