Xustiza: "se saímos deste conflito, posiblemente este ano alcanzaremos o cociente un funcionario por fiscal"

Juan José Martín, director xeral de Xustiza
CAPTURA
Actualizado: viernes, 23 marzo 2018 18:14

Reivindica a mellora da asistencia xurídica gratuíta co incremento das retribucións e o impulso dos medios telemáticos

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Mar. (EUROPA PRESS) -

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, afirmou que, "se se sae desta situación de conflito --en alusión á folga de funcionarios de xustiza--, posiblemente neste ano se alcanzará o cociente dunha persona por cada un dos fiscais".

Asegurouno na comisión institucional do Parlamento, onde respondeu á socialista Patricia Vilán que "o que se ofreceu para o acordo é a equivalencia". "Este é un dos destinos onde queremos chegar, a crear equivalencia dun fiscal, un funcionario", aseverou.

Pola súa banda, Vilán advertiu de que o Ministerio Fiscal "sempre fala das mesmas necesidades" e interesouse tamén polo aumento dos medios materiais e humanos "especialmente" na fiscalía contra a corrupción.

Por outra banda, preguntado por unha deputada popular, o alto cargo reivindicou a mellora da asistencia xurídica gratuíta co incremento das retribucións e o impulso dos medios telemáticos. A este respecto, explicou que as cantidades destinadas a avogados e procuradores incrementáronse máis dun 8%.

De novo a preguntas da parlamentaria do PSOE Patricia Vilán sobre o encargo a unha consultora dun estudo que desenvolva un proxecto de oficina xudicial en Ourense como experiencia piloto, Martín aseguroulle que "non é externalizar o servizo de administración de xustiza", e replicou que durante o bipartito tamén "se fixo".

NOVO EDIFICIO XUDICIAL DA PARDA

Na mesma comisión, Juan José Martín tamén respondeu a unha pregunta do parlamentario popular Alberto Pazos en relación ao novo edificio xudicial da Parda, en Pontevedra, chamado a "remediar" a actual dispersión dos edificios xudiciais na cidade.

Cun orzamento previsto que supera os 17 millóns de euros, o novo edificio estará comunicado co actual. A superficie total construída será de 21.000 metros cadrados e a Xunta confía en que permitirá dispor de espazo suficiente para atender as necesidades que poidan xurdir "nos próximos 15 ou 20 anos".

Sobre os prazos, o director xeral ratificou que "a finais deste ano" finalizarase a obra física e logo procederase á contratación de servizos e demais pasos necesarios para empezar a funcionar. "No primeiro semestre do ano que vén poderemos facer a mudanza", augurou.