Yolanda Díaz cre que En Marea depende da maioría no Congreso para ter grupo e non de se é partido instrumental

Actualizado: viernes, 29 abril 2016 15:48

Di que "no substancial" se manterán as listas presentadas nos anteriores comicios xerais

A CORUÑA, 29 Abr. (EUROPA PRESS) -

A deputada de En Marea no Congreso e coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, defendeu que lograr grupo parlamentario propio na próxima lexislatura --e ante a repetición das eleccións xerais-- depende da maioría que se logre na Mesa do Congreso e non de constituirse como partido instrumental.

En declaracións aos xornalistas, ao ser preguntada pola posibilidade de conversión de En Marea en partido instrumental, Yolanda Díaz dixo que "o debate" é "cambiar a composición" da Mesa do Congreso.

"Foi un pucherazo o que fixo que non teñamos grupo parlamentario propio e o que permitiu, por exemplo, que dous partidos como ERC e Democracia e Liberdade, que non cumprían os requisitos, si tivesen grupo parlamentario propio", remarcou sobre o feito de que a En Marea non se lle aceptase configurarse deste modo.

Por iso, considerou que ten que haber "unha operación desborde" --en alusión aos votos que poidan obter nestes comicios xerais-- para poder ter presenza na Mesa da Cámara.

LISTAS

Á marxe diso, preguntada polas listas para estes comicios, dixo que, "no substancial", se manterán como nos anteriores. "Pode haber matices ou consideracións, pero, no substancial, si", apostilou.

"Sen lugar a dúbidas", replicou ao ser preguntada se será, en todo caso, coa fórmula de En Marea. Ademais, mostrouse convencida de que, nestes comicios, lograrán cambiar a configuración da Mesa do Congreso. "Imos desempatar con moita forza para o noso país", sinalou.

Yolanda Díaz arremeteu tamén contra o comportamento do PSOE tras deixar excluído a Podemos e as súas confluencias da Mesa da Deputación Permanente.

"Aquí o pecado orixinal foi que o Partido Socialista lle dese a Cidadáns a posibilidade de bloquear a Mesa, esa foi a primeira lección que aprendemos", dixo. "Despois foi o pacto con Cidadáns e, por último, a imposibilidade de Gobierno, remachou.