A CUT denuncia o despido de nove traballadores do servizo de recollida de lixo en Redondela durante a folga

Galicia Actual
Actualizado 02/11/2007 21:09:59 CET

A Asociación de Empresarios de Redondela urxe unha "solución rápida" para o conflito laboral

VIGO, 2 Nov. (EUROPA PRESS) -

O asesor da CUT no conflito dos traballadores de Urbaser, Ricardo Castro, afirmou hoxe que a empresa, adxudicataria do servizo de recollida de lixos en Redondela (Pontevedra), lles deu a comunicación "oficiosa" do despedimento de 9 dos 12 traballadores que asinaron a convocatoria de folga, un paro secundado pola totalidade do equipo.

En declaracións a Europa Press, Castro destacou que na reunión prevista entre as partes para esta tarde, o avogado de Urbaser lles comunicou estes despedimentos, que afecta a 9 do total de 20 empregados que traballan para a compañía, e explicou que esta postura demostra que a empresa "non quere negociar".

Castro precisou que, por agora, esta medida aínda non chegou aos traballadores afectados. Aínda así, tras a comunicación por parte do avogado da empresa, considerou que "se trata dun despedimento efectivo e non dunha baza" polo que advertiu de que tomarán as medidas legais que correspondan".

Así, explicou que ata hoxe, os traballadores "tiñan a esperanza de que a empresa quixese retomar as conversacións" pero que, tras a medida que lles foi comunicada hoxe, "queda claro que non teñen unha actitude negociadora".

SERVIZOS MÍNIMOS.

Por outra banda, o asesor da CUT garantiu que nos próximos días se realizarán os servizos mínimos decretados polo concello e que se iniciaron a pasada noite, a sexta do paro. Neste sentido mantivo que "os traballadores os quixeron realizar dende o primeiro día" mentres que Urbaser "creou un problema onde non o había co obxectivo de violar o dereito á folga".

Así, lembrou que a empresa ditou uns servizos mínimos nos que só traballasen os condutores dos camións, aínda que na pasada noite, estes estiveron apoiados por tres peóns que axudaron a realizar os labores de recollida. Segundo destacou, o cumprimento destes servizos mínimos supón "unha obriga legal e tamén moral" debido aos riscos sanitarios e ambientais que pode provocar o acumulamento de residuos.

O Concello de Redondela decretou uns servizos mínimos co obxectivo de que se garanta a recollida en puntos como colexios e gardarías, centros de saúde, mercados de abastos e feiras.

EMPRESARIOS.

Por outra banda, a Asociación de Empresarios de Redondela mostrou hoxe a súa preocupación ante a falta de acordo no conflito laboral entre Urbaser e os seus traballadores e urxiu unha "rápida solución". O colectivo expresou o seu malestar ante unha situación "que está a provocar un gran prexuízo tanto a nivel económico como ambiental e visual", en especial nos núcleos urbanos, onde hai maior concentración de negocios.

Segundo os empresarios, o paro actual "acentúa" os problemas que "xa viña causando a recente modificación dos colectores", polo que, ademais da súa demanda dunha solución ao conflito, solicitaron a posta en marcha dun sistema de recollida de lixo "acorde ás necesidades dunha vila urbana, comercial de servizos como Redondela" e que tamén responda ás necesidades das distintas parroquias e núcleos que forman o municipio.