As primarias da marea resolveranse en menos de 20 días e permiten listas de consenso

Asamblea En Marea
EUROPA PRESS/REMITIDO
Publicado 30/07/2016 13:56:39CET

   VIGO, 30 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O documento para a elección de candidatos das mareas, que foi aprobado polo plenario da Marea Constituínte, supón que as primarias se resolverán nun tempo menor a 20 días, aínda que falta por concretar o día que se iniciará o proceso. Ademais, a fórmula que contou con luz verde da asemblea permite presentar listas de consenso, pero o candidato non estará ligado a elas, senón que deberá facelo de forma individual.

    A elección da persoa candidata á Presidencia da Xunta farase por censo da marea a nivel galego, mentres que o resto dos candidatos se elixirán en función de cada unha das circunscricións galegas, coas persoas inscritas correspondentes a cada provincia. Poden participar persoas a partir de 16 anos de Galicia ou que acrediten residencia na Comunidade.

   O feito de que se poidan presentar listas agrupadas permite que se creen candidaturas de consenso e integradas por todas as sensibilidades que conforman a marea pero, en todo caso, o voto a cada un dos candidatos será individual, o que se coñece como listas abertas. De tódolos xeitos, o sistema habilitarase con voto ponderado e realizarase corrección de xénero, xa que as candidaturas se confeccionarán polo sistema coñecido como cremalleira (muller-home-muller, e viceversa).

   Os candidatos non poderán estar incursos en ningún proceso xudicial como imputados por corrupción ou delitos de xenofobia ou violencia machista. Para presentarse a candidato á Presidencia da Xunta necesitaranse 100 avais, cun mínimo de 20 por cada provincia, e para concorrer ao resto da lista, necesítanse 15 de polo menos tres municipios distintos.

CRONOGRAMA

    Unha vez elixido o comité electoral, que se escolle este mesmo sábado (os membros non poden formar parte do proceso de primarias), este órgano ten que reunirse e convocar as primarias. A partir de aí corre o reloxo do proceso, que como máximo durará uns 18 días a partir dese momento.

   Os candidatos terán uns seis días para desenvolver a campaña electoral interna e, unha vez que conclúa este período, votarase durante dous días. Tras iso, proclamaranse os resultados de forma provisional e definitiva.