A Asociación BD Banda inaugura en Pontevedra unha mostra itinerante sobre autores galegos de cómic

Actualizado 14/07/2006 12:36:21 CET

PONTEVEDRA, 14 Jul. (EUROPA PRESS) -

O Paseo de Montero Ríos de Pontevedra acolle ata o día 21 de xullo, coincidindo coa Feira do Libro, a exposición "A Banda Avanza", organizada pola Asociación BD Banda e maila Consellería de Cultura, en colaboración do Consello da Cultura Galega. Esta mostra na que se ofrece un percorrido pola banda deseñada galega actual trasladarase ata a cidade da Coruña do 1 ao 10 de agosto.

"A Banda Avanza" exhibe paneles nos que se poderá contemplar unha selección da obra de 22 autores galegos, que traballan tanto dentro como fóra de Galicia. Paralelamente celébranse mesas redondas e obradoiros para dar a coñecer unha arte que, segundo BD Banda, "en Galicia está a vivir un momento de especial florecemento". A organización destaca que é a primeira vez que se organiza unha exposición sobre cómic galego, expresamente para unha feira do libro.

BD Banda sinala que, xunto co colectivo Polaqia, estase dando "unha vizosa producción e uns primeiros intentos de profesionalización e creación de mercado". Asimesmo, a existencia do festival Viñetas dende o Atlántico, as xornadas de Banda Deseñada de Ourense ou as xornadas de cómic de Cangas actúan como "puntos de encontro" para os afeccionados de dentro e fóra de Galicia.

FAKTORÍA K

"A Banda Avanza" tamén contén recomendacións de lectura de álbumes de cómic en castelán e mais en galego; nesta lingua destacan as obras de Miguel Robledo, Pinto&Chinto, Andrés Meixide e Kiko Dasilva na editorial Faktoría K de Libros, Pepe Carreiro en Toxosoutos, ou Fran Jaraba en Xerais.

O debuxante ourensán Miguel Robledo, autor de "Vilaberzas" en Faktoría K, impartirá mañá ás 18.30 horas un obradoiro de creación de personaxes de banda deseñada. O día 19 o debuxante Víctor Rivas ofrecerá outro taller de iniciación á banda deseñada. E o día 20 Kiko Dasilva e Miguel Robledo presentarán a colección BD Banda, editada tamén por Faktoría K, unha iniciativa editorial que fixo unha decidida aposta pola chamada novena arte en galego.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies