O BNG de Oleiros e os grupos da oposición reuniranse o venres para falar da problemática do patrimonio do alcalde

Actualizado 31/07/2006 21:38:52 CET

A CORUÑA, 31 Jul. (EUROPA PRESS) -

O BNG de Oleiros comunicou hoxe aos grupos da oposición, PSdeG e PPdeG, o lugar, a data e as condicións da reunión solicitada por estes co obxectivo de falar da polémica sobre o patrimonio inmobiliario do Alcalde de Oleiros.

O BNG manifestou que "como forza democrática" está aberta ao dialogo coa sociedade, tanto con colectivos sociais, grupos politicos e cidadáns en particular. A única condición posta polos nacionalistas foi que se lle solicitara directamente e non a través dos medios de comunicación.

A reunión terá lugar o vindeiro venres día 4 de Agosto ás 19:00 horas no Hotel Rías Altas de Santa Cristina e as condicións son que cada grupo designe a dúas persoas, que se reunirán a porta pechada.

Os representantes do BNG declararon que acudirán á reunión con vontade de dialogo pero sen ningún tipo de presión nin coacción previa senón coa intención de priorizar os intereses dos cidadáns por diante de intereses electoralistas e partidarios no talante dialogante que caracteriza ao seu grupo e de defensa da transparencia e da rexeneración democratica nas institucións públicas.

Os nacinalistas subliñaron ademáis o feito de que o BNG é o único grupo politico de Galicia que nunca protagonizou sucesos de sospeita en corruptelas nas institucións nas que ten responsabilidades de goberno.