O BNG pide un programa específico de fomento do galego nos actos funerarios

Actualizado 18/06/2006 15:02:00 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Jun. (EUROPA PRESS) -

O grupo parlamentario do BNG, a través do seu deputado Bieito Lobeira, reclama á Xunta a posta en marcha dun programa específico de fomento da lingua galega en todos os actos, ceremonias e funcións vinculados coa morte. Segundo un estudo recente, só unha de cada mil lápidas dos cemiterios de Galicia están escritas en galego.

Segundo informou hoxe o Bloque, Lobeira presentou unha proposición non de lei para instar ao Goberno galego a intervir ante unha situación que considera "inxusta e discriminatoria". Na súa opinión, a exclusión do idioma en todos os actos ou epitafios que teñen a ver coa morte "evidencia a existencia dun conflicto lingüístico" en Galicia.

O deputado nacionalista lembra que moita información que se posúe sobre as relacións sociais, roles, procesos históricos, tipo de alimentación, dominacións e conquistas, usos lingüísticos e outros, no pasado proceden da análise e avaliación dos xacimentos necrolóxicos.

Por iso, xustifica que "con toda probabilidade o estudo arqueolóxico dos restos funerarios que se realizaría no futuro non constataría a existencia da lingua galega" se a día de hoxe se producise algunha catástrofe que implicase a erradicación parcial ou total da vida humana na parte do planeta que nos toca ocupar. "Lápidas e cemiterios, epitafios de todo tipo, certificarían que Galiza non conta con idioma de seu", sinalou.

O parlamentario do BNG asegurou que, segundo un estudo recente, tan só unha de cada mil lápidas nos camposantos galegos se atopan redixidas en galego. Neste sentido, lembrou que se dá o caso de que moitos "patriotas galegos, mortos precisamente por defenderen con coerencia os seus sinais de identidade, están soterrados en español contra a súa vontade, mesmo co seu nome deturpado".

Ante o exposto, Lobeira demanda que se adopten medidas dirixidas á xerarquía católica e doutras crenzas, concellos, empresas funerarias, floristerías e outras para que, "na morte se nos recoñezan os dereitos lingüísticos". "Nin vivos nin mortos nos respectan o dereito democrático a usar a lingua galega", concluiu o deputado nacionalista.