O CDG conclúe hoxe a xira do espectáculo 'Illa Reunión' no teatro Jofre de Ferrol

Actualizado 03/06/2006 12:11:00 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Teatro Jofre de Ferrol acolle hoxe a última función do espectáculo 'Illa Reunión', do Centro Dramático Galego (CDG), coas que rematará un período de exhibición de tres meses durante o que esta produción terá sido representada nun total de sete escenarios galegos ante máis de 3.000 espectadores.

Incluíndo a representación que acolle hoxe o Teatro Jofre de Ferrol, 'Illa Reunión' terá ofrecido un total de 33 funcións dende a súa estrea o pasado 3 de marzo no Salón Teatro de Santiago. Con este espectáculo, O CDG visitou, ademais, Narón, Pontevedra, Vigo, Ourense e Ribadeo.

Un elenco de 14 actores, bailaríns e músicos desenvolve unha intensa interpretación coral, que durante toda a obra se mantén nun plano paralelo ao das intervencións individuais. Nestas, os intérpretes comunican historias reais, propias e alleas, fundamentadas nos sentimentos contraditorios desatados por viaxes transcendentais nas súas vidas.

A directora Ana Vallés utilizou o concepto de viaxe e o mito do viaxeiro como punto de partida para a creación colectiva desta montaxe, que utiliza a fragmentación como técnica narrativa, ao tempo que explora as múltiples posibilidades expresivas do teatro, a danza e a música.

A acción desenvólvese nun espazo escénico diáfano, que ten a súa principal vestimenta nos diversos matices da luz creada por Baltasar Patiño e no especial plano sonoro que aporta a música en directo dos instrumentos de vento (bombardino, trompeta, tuba) e de percusión que empregan músicos e actores.