A construcción da Facultade de Ciencias da Educación no Campus Sur comezará a finais de 2006 con 16 millóns de orzamento

Actualizado 15/02/2006 19:18:05 CET

A execución da primeira fase terá un prazo de 18 meses a contar dende a adxudicación do concurso público

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Universidade de Santiago (USC) iniciará a finais de ano a construcción do novo edificio que albergará as distintas instalacións da Facultade de Ciencias de Educación no Campus Sur coa convocatoria do concurso público de execución da obra, previsiblemente entre os meses de setembro e outubro. A obra conta cun orzamento inicial de 16 millóns de euros.

O proxecto de edificación do centro foi presentado nunha sesión informativa desenvolvida hoxe nas instalacións da antiga escola de Maxisterio de Campus Norte e na que interviron o reitor da USC, Senén Barro; o arquitecto autor do proxecto, Alfonso Penelas; o vicerreitor de Economía e Financiamento, Miguel Vázquez Taín; e o decano da Facultade, Felipe Trillo.

A execución da obra artellarase en tres fases diferenciadas comezando pola construción dunha nova edificación que albergará a biblioteca, a zona polideportiva, aulas, seminarios e outros servizos docentes e investigadores.

Ademais, a execución terá un prazo de 18 meses a contar desde a adxudicación do concurso público. O proxecto continuará co concurso, en febreiro de 2008 da segunda fase da edificación, destinada á docencia das distintas titulacións impartidas nesta facultade.

O concurso arquitectónico completarase entre 2009 e 2010 coa construcción do edificio de conexións do complexo universitario, destinado a servizos varios, e para o que se contempla un período de execución de 15 meses.

En total, a nova edificación permitirá poñer a disposición das distintas titulacións desta facultade unha superficie total de aproximadamente 16.100 metros cuadrados, fronte aos 12.232 metros actuais que se reparten entre a Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur e o edificio de Xoan XXIII.

DISTRIBUCIÓN DE ESPAZOS

A execución deste proxecto é unha das actuacións previstas no Plan Xeral de Ordenación dos Campus co que se pretende planificar de xeito ordenado e coherente a distribución dos espazos construtivos e urbanísticos nos que se desenvolve a vida universitaria de Compostela e Lugo.

Trátase de darlle "un enfoque racional ao desenvolvemento infraestrutural dos campus, dentro dunha programación a medio e longo prazo", sinalou Senén Barro no transcurso da sesión informativa mantida cos docentes, investigadores e persoal de administración e servizos que asistiron á xuntanza.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies