A Cultura Circula pecha a súa primeira edición mañá en Culleredo (A Coruña) cunha xornada dedicada a toda a familia

Actualizado 03/06/2006 21:52:50 CET

Máis de 3.000 persoas acudiron o venres na localidade á carpa para asistir a unha noite de concertos con catro grupos

A CORUÑA, 3 Jun. (EUROPA PRESS) -

A carpa de A Cultura Circula instalada no paseo marítimo de Boiro despídese o domingo nesta vila coruñesa para embarcar cara o seu próximo destino cunha programación de entrada gratuíta pensada para toda a familia que se desenvolverá mañá en Culleredo (A Coruña), no que se pechará a súa primera edición.

Así, ás 17.00 horas o Circo-Lar espectáculo de variedades coordinado pola compaía Berrobambán Teatro achegará unha programación pensada para disfrutar en familia, no que se darán cita unha maioría de propostas de producción propia de artistas do mundo da música, o teatro e o circo.

As familias que se acheguen á carpa de Culleredo poderán gozar coas ilusións do Mago David, os números manicómicos de Colombaíños, os aéreos de Endesequilibrio, os instrumentos improvisados de Igmig, as coreografías de Pisando Ovos e os temas compostos polo grupo de hip hop Dios Ke Te Crew especialmente para a ocasión e, por primeira vez, aptos para toda a familia.

A continuación do Circo-lar, tamén se poderán ver os Filminutos e as Foto Reveladoras do concurso Embarca na Carpa e se coñecerá aos ganadores do certame 'Música a Esgalla'. A convocatoria 'Embarca na Carpa' chega así ao seu fin e mañá saberanse cales son os gañadores en todas as categorías.

A final de 'Música a Esgalla' a disputarán cinco grupos e intérpretes musicais que competirán para levar o premio consistente en gravar un videoclip para o programa 'Xabarín Club' da Televisión de Galicia. Os finalistas son: o solista Hugo Torreiro desde A Coruña, a cantautora melódica Xeila Patricia desde Vilaboa, os hiphopeiros Trío de Xenios desde Ourense, Son de Lira, con raíces na terra de Lira, e o grupo heavy de Palmeira Trinmial.

En canto as curtas que quedaron finalistas no certame de vídeo 'Filminutos' son: 'Reserva especial de pesca' e 'Papamoscas' presentadas polo IES Marco do Camballón de Vila de Cruces (Pontevedra); e 'As caras da Galiza' de Brais Novo Pérez, un rapaz de 17 anos de Castiñeiras (Riveira)

O festival pechará a súa primeira edición acollendo baixo a lona da carpa a actuación dunha agrupación de música local, o Grupo Instrumental do Centro Municipal de persoas Maiores de Culleredo que deleitarán ó público cunha escolma do mellor do seu repertorio.

PÚBLICO

Máis de 3.000 persoas acudiron á carpa o venres para asistir a unha noite de concertos sen fin que trouxeron ata Culleredo a catro grupos. Os Galegoz fixeron a súa estrea mundial en directo na localidade ante un público sorprendido, segundo a organización, pola calidade e orixinalidade deste experimento musical.

A continuación, Lamatumbá prendeu lume na carpa co seu repertorio de verbena moderna coreado polos presentes a ritmo de bota, bota e volve a botar. Os Rinòçerse subiron ó escenario cun espectáculo de rock electrónico, que desbordaba potencia e sincronía psicótica con proxeccións moi estudadas e efectistas. Xunto a eles estiveron dous dos artistas que colaboran no seu último disco e que lle puxeron á noite un pouco de sabor funky.

Asemade, a elegancia dos US3 fíxose oír acompañada en todo momento pola forza e a contundencia das letras do seu repertorio. En resumo, un peche musical inmellorable para esta primeira edición de A Cultura Circula, un evento cultural que nace coa vocación de se converter no primeiro Festival Itinerante de Europa cunha programación musical que marca un punto e aparte na política cultural de anos anteriores, apostando polos valores propios e por propostas de calidade e compromiso, máis alá de apostas seguras determinadas polas circunstancias do mercado.

Polas carpas de A Cultura Circula pasaron grupos como os galeses Superfurry Animals, o xamaicano Anthony B, os Mercury Rev, o magrebí Rachid Tahá e xunto a eles, bandas galegas de distintos xéneros como The Homens, Dios Ke te Crew, Loretta Martin, A Safari Orquestra, Samesugas, Bumba, Berrogüetto ou A Banda de Poi, entre outros.