O director da Área TIC da USC representará a España no Consello da European University Information Systems

 

O director da Área TIC da USC representará a España no Consello da European University Information Systems

Actualizado 30/06/2006 21:19:20 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Jun. (EUROPA PRESS) -

O director da Área TIC da Universidade de Santiago (USC), Javier Franco Tubío, resultou elixido como representante de España no Consello da 'European University Information Systems' (EUNIS), no transcurso da Conferencia Anual que a asociación celebra estes días en Tartu (Estonia). O Consello de Eunis queda constituido por vinte representantes de 15 países europeos.

A USC converteuse a comezos do presente ano na primeira universidade española integrante desta asociación internacional e á que logo se lle teñen sumado outras tres institucións universitarias españolas.

A Conferencia Anual de Eunis celebrouse esta semana en Tartu coa participación de 400 asistentes nun encontro no que a preocupación polas estratexias arredor das Tecnoloxías da Información das universidades e en particular polo seu papel central no proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) centraron boa parte dos relatorios e debates.

No desenvolvemento do programa do encontro Javier Franco, xunto co representante da Universidade de Almería Antonio Fernández, presentaron un relatorio sobre o plan estratéxico global das Tecnoloxías da Información nas universidades españolas, no que deron conta do traballo que dende o Grupo TIC da CRUE se desenvolve para a elaboración de indicadores e estratexias TIC no sistema universitario español.

No desenvolvemento deste proxecto participan directamente profesores da USC coordinador por Sara Fernández. O relatorio suscitou un grande interese entre os participantes, polo que a organización solicitou aos seus responsables unha presentación con máis detalle do tema proposto.

Outra das actividades incluidas nesta Conferencia Anual é o Premio á Excelencia, que nesta ocasión recaeu no proxecto da Universidade Jaume I 'Clauer'.

Eunis é un organismo fundado no ano 1993 que aglutina a máis de 70 membros de 22 países europeos ademais de Israel e Estados Unidos e considerada como a principal asociación europea de sistemas de información en educación superior. A asociación pretende alentar o establecemento de vías de comunicación e colaboración entre os responsables dos sistemas de información nas institucións de educación superior, centros de investigación e organizacións afíns no ámbito xeográfico europeo.

Ademais, a asociación quere fomentar o establecemento de enlaces cos principais subministradores neste campo así como con organizacións co obxecto de deseñar a axenda estratéxica para os sistemas de información no ensino superior e no eido investigador tanto nos ámbitos estatal coma europeo.

A principal actividade de Eunis céntrase na celebración da súa Conferencial Anual á que se engaden outras accións específicas como seminarios monográficos, un premio á Excelencia, publicacións e programas de intercambio. A próxima edición desta Conferencia Anual celebrarase en Grenoble (Francia).

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies