Educación adxudica por importe de case 2 millóns de euros a construcción dun novo colexio en Ames (A Coruña)

Actualizado 02/02/2006 19:33:33 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adxudicou as obras de construcción dun novo centro de Educación Infantil e Primaria en Ortoño, no concello de Ames (A Coruña), que levará a cabo a empresa Ferrovial-Agromán, S.A., con un investimento total de 1.960.314,46 euros.

O novo CEIP de Ortoño contará con 18 unidades, seis de Educación Infantil e 12 de Primaria, e terá unha superficie construída de 3.158 metros cadrados distribuídos en dúas prantas. Na baixa ubicarase a vivenda do conserxe, a biblioteca, sala de profesores, despachos para o director e o xefe de estudos e para APAS e alumnos. Neste mesmo andar atoparanse seis aulas para educación infantil e outras catro para grupos máis pequenos, mentres que no primeiro piso atoparanse 12 aulas e outra específica de informática.

O centro completarase cunha pista polideportiva cuberta que terá unha superficie de 940 metros cadrados e cun patio sobre o ximnasio de 302 metros cadrados.

As obras deste novo centro saíron a concurso a finais do pasado mes de novembro. Trátase dunha actuación obxecto dun convenio de colaboración entre a consellería e o Concello de Ames. Ao abeiro deste acordo, o Goberno local de Ames puxo a disposición da Administración educativa un terreo, situado no lugar de Cortes, cunha superficie de 10.300 metros cadrados.