A Egap colabora coa USC na organización do Módulo de Urbanismo do seu Máster en Administración local

Actualizado 15/02/2006 19:48:14 CET

Aporta 4.500 euros destinados principalmente ao pago directo dos gastos de profesorado e de impresión de material didáctico

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Escola Galega de Administración Pública (Egap) colaborará coa Universidade de Santiago (USC) na organización do Módulo de Urbanismo correspondente ao Máster en Administración Local que dirixe o catedrático de Dereito Administrativo José Luis Carro, segundo se desprende do convenio que hoxe asinaron en San Xerome o reitor compostelán, Senén Barro, e o director da Egap, Antonio Izquierdo.

Para o desenvolvemento deste Módulo de Urbanismo que dirixirá a profesora de Dereito Administrativo da USC Teresa Carballeira Rivera, a Egap aporta unha cantidade máxima de 4.500 euros destinados principalmente ao pago directo dos gastos de profesorado e de impresión de material didáctico.

Ademais, a Egap comprométese a difundir o devandito máster, que este ano celebra a súa terceira edición, e apoiar a instrución dos participantes propoñendo e nomeando profesorado experto en materia urbanística.

Pola súa banda, a USC reservará o 25% das prazas do máster para o persoal titulado laboral e funcionarial adscrito á Administración autonómica e local galega, que serán seleccionados pola Egap e aos que se lle reducirá un cuarto do importe da matrícula ata a contía máxima dun tercio da aportación económica que esta realiza.

FORMACIÓN EXHAUSTIVA

O Máster en Administración Local da USC --dos poucos que existen en España sobre esta temática-- ofrece formación exhaustiva e de calidade sobre a Administración local española a todos aqueles que manteñan algún vínculo con ela destacando, singularmente, os cargos e dirixentes políticos, funcionarios e persoal laboral, profesionais liberais que se relacionen coa Administración local e aspirantes e opositores aos corpos superiores desta.

Tanto os procesos de descentralización política e administrativa como as novas demandas prestacionais que lle esixe a cidadanía á Administración pública contemporánea fan que cada día cobre máis protagonismo a Administración local no ámbito sociopolítico e xurídico.

Neste senso, ademais do ingreso nos corpos funcionariais ou a contratación de persoal por parte das entidades locais o espazo laboral do máster da USC estase vendo ampliado notablemente coa posibilidade aberta pola vixente lexislación de integrar a expertos nos órganos de goberno local e a de obter asesoramento externo para alcaldes e demais membros da corporación local.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies