A Fundación Granell de Santiago acolle a mostra colectiva 'Dons da intemperie: poéticas (obxectuais) do elemental'

Actualizado 22/06/2006 19:44:42 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Jun. (EUROPA PRESS) - A Fundación Granell, con sede no Pazo de Bendaña de Santiago de Compostela, acolle desde hoxe e ata o 18 de setembro a mostra colectiva 'Dons da intemperie: poéticas (obxectuais) do elemental', que está comisariada por Eugenio Castro, artista do grupo surrealista madrileño e crítico de arte.

Segundo indicaron os seus promotores, esta exposicion convida a ter "unha vivencia inédita do sensible a través da experiencia poética: atopar a beleza, e a dimensión poética en todo aquilo que nos rodea, mesmo no máis insignificante -os obxectos abandonamos á súa sorte á intemperie".

'Dons da intemperie: poéticas (obxectuais) do elemental' presenta a unha serie de artistas que descobren nos obxectos, tanto orgánicos como industriais abandonados á intemperie, potencia poética e forza expresiva. Todos eles e elas teñen en común o traballo coa idea estética do "obxecto atopado".

O cartón, o papeliño, a ramiña, o retrinco de plástico, o arame ou o barro recollidos polos artistas como regalos da intemperie, acadan un novo valor coa ollada dos artistas. Na mostra participan os artistas Luis Jaime Martínez del Río, Carmen Algarada, Luis Fega, Evaristo Bellotti, Nieves Vorreta, Fernando Baena, Jordi Alcaraz e o galego Santiago Mayo.

A Fundación Granell inclúe esta exposición na súa programación, xa que o traballo con obxectos atopados para liberalos do seu uso frecuente e o descubrimento da súa dimensión poética é unha das dinámicas propia do traballo surrealista con obxectos. En palabras do comisario da mostra, a fraxilidade, a indefensión e a inutilidade do obxecto son os que fan que "conteñan en potencia unha incalculable riqueza para quen a saiba ver".

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies