A Fundación Manuel Ventura Figueroa destina uns 26.000 euros a bolsas para realizar estudos durante o curso 2005-06

 

A Fundación Manuel Ventura Figueroa destina uns 26.000 euros a bolsas para realizar estudos durante o curso 2005-06

Actualizado 27/01/2006 14:59:17 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Ene. (EUROPA PRESS) -

A Fundación Manuel Ventura Figueroa destinará neste curso académico 2005-06 un total de 25.849 euros á concesión das bolsas de axuda ao estudo, das que se beneficiarán parentes do fundador que resultaron seleccionados polo padroado da institución.

A entidade convocou nove axudas de 1.503 euros correspondentes a 1º e 2º ciclo de estudos universitarios, tres de 2.104 para o 3º ciclo, unha de 3.005 euros para a realización de teses de doutoramento, e unha de 3.005 euros para a realización de mestrado. Proximamente, nun acto público, procederase á entrega das axudas concedidas.

Os beneficiarios destas axudas son todos parentes do fundador, debidamente clasificados como tales, que resultaron seleccionados polo padroado. Neste senso, a comisión de selección --composta polos membros do padroado-- valorou a situación económica dos solicitantes, a súa traxectoria académica, e a proximidade no grao de parentesco co fundador.

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, presidiu hoxe a reunión da Fundación Manuel Figueroa que tivo lugar en San Caetano. Á xuntanza tamén asistiron o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato de la Iglesia; o secretario xeral do departamento educativo autonómico, Benito Roberto Fernández Rodríguez; e os membros desta fundación, Adela J. Rey Abilleira; Francisco Javier Jorge Barreiro, secretario do padroado da Fundación; e Dositeo Rodríguez, como xuíz protector da mesma.

A Fundación Manuel Ventura Figueroa foi instituída en 1784 polos testamenteiros de Manuel Ventura Figueroa, patriarca das Indias, arcebispo de Laodicea e gobernador do Consello e Cámara de Castela, co obxecto, entre outros, de proporcionar axudas económicas para realizar estudos de toda clase destinadas aos seus parentes.

Por outra banda, a responsable educativa autonómica informou aos asistentes á xuntanza da renovación de cargos no padroado e da aceptación dos novos patróns. Ademais, durante a reunión da Fundación Manuel Ventura Figueroa abordouse a situación económica da entidade e a ratificación do orzamento correspondente ao ano 2006.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies