O II Congreso de Comunidades Costeiras abordará en Muros (A Coruña) o patrimonio como motor de desenvolvemento turístico

 

O II Congreso de Comunidades Costeiras abordará en Muros (A Coruña) o patrimonio como motor de desenvolvemento turístico

Actualizado 06/02/2006 20:21:43 CET

A acuicultura e turismo se presentan como "novas claves de innovación e progreso" que propician outras posibilidades de desenvolvemento

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Feb. (EUROPA PRESS) -

O II Congreso de Comunidades costeiras dependentes da pesca en tempos de cambio, que organiza o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) en colaboración co Concello de Muros; o Centro de Estudos Turísticos (Cetur); e a Consellaría de Cultura, analizará o patrimonio como motor de desenvolvemento turístico no evento que terá lugar en Muros (A Coruña) entre os días 20 e 22 de abril.

Os expertos que van participar aportarán as súas visións e experiencias sobre a conservación da diversidade cultural na Unión Europea, o valor da tradición e a memoria cultural e social, as visións para un futuro sostible das comunidades costeiras, os beneficios de conservar o patrimonio histórico e a posta en marcha de actividades económicas sostibles vinculadas á xestión e uso do patrimonio, segundo informou a Universidade de Santiago (USC).

Segundo os promotores deste encontro internacional, a globalización interfire nas comunidades costeiras a través dos procesos de integración mundiais, dado que as innovacións tecnolóxicas e as construcións de sistemas globais de transferencia veñen causando "grandes cambios" nas estruturas económicas, culturais e políticas, con importantes efectos sobre as actividades económicas nestas comunidades en todo o mundo.

Neste senso, os organizadores do congreso apuntan o aumento das augas territoriais ata as 200 millas, as políticas pesqueiras da UE e os gobernos nacionais, ou a redución de capturas en augas nacionais e internacionais como factores que supoñen para as comunidades pesqueiras o reto de modernizar a flota e as infraestruturas.

Esta incidencia da globalización materialízase tamén na súa influencia na industria da construción naval, coa recolocación deste sector ou o seu éxodo cara Asia, coa conseguinte "diminución dun dos principais motores económicos de moitas comunidades, a desaparición de miles de traballos e, nalgúns casos, incluso unha perda de identidade", segundo sinalaron os organizadores do congreso.

"NOVAS CLAVES DE INNOVACIÓN"

Fronte a este conxunto de circunstancias, "a globalización tamén significa que as condicións locais, como as redes e o coñecemento arraigados xeográficamente, inflúen no desenvolvemento". Así, a acuicultura ou o turismo se presentan como "novas claves de innovación e progreso" que propician que moita xente cambie a súa actividade e aparezan novas posibilidades de desenvolvemento para as comunidades.

Con estas consideracións coma base, o congreso pretende propiciar un debate e abrir procesos de análise sobre os novos modelos organizativos e plans de desenvolvemento socioeconómico para o litoral, atendendo a cuestións como a capacidade de adaptación das comunidades costeiras a un contorno globalizado.

La actualidad más visitada en EuropaPress logo: La actualidad más vista
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies