Un informe destaca que a maior parte das Webs municipais galegas incumpren algunha lei

Actualizado 02/02/2006 19:13:40 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Feb. (EUROPA PRESS) -

Máis do 90% dos concellos galegos incumpren en Internet a Lei de Protección de Datos, segundo o I Informe Técnico sobre a presenza dos concellos galegos en Internet, realizada pola auditoría técnica que RedeGalega.org realizou durante o pasado mes.

Deste estudo tamén se desprende que o 45% dos concellos non dispoñen de web oficial, case un terzo deles non é o propietario legal do seu propio web, e 3 de cada 4 incumpren a lei que obriga a estar adaptados para persoas con discapacidade. En canto ao aspecto lingüístico, hai case un 17% dos webs que non están dispoñibles en galego.

Nun cominicado, esta entidade destacou que o informe, dirixido polo consultor de Internet Manuel Casal Lodeiro, pretende ser unha "chamada de atención" aos responsables municipais. "Salientamos no noso estudo todos aqueles aspectos nos que están a fallar os webs municipais, que son moitos,porque hai que rachar co atraso de Galiza na Rede, comezando polos webs públicos", indicou Casal Lodeiro, para quen ademais "ter unha axeitada presenza na Rede é imprescindible para tender pontes coa emigración".

Precisamente é o uso de Internet entre os emigrantes galegos o ámbito onde RedeGalega.org naceu como departamento da sociación Cultural Fillos de Galicia dedicado a fornecer servizos de Internet a todo tipo de entidades galegas sen ánimo de lucro. "É unha forma de financiarmos proxectos comoFillos.org, o principal portal da emigración galega, aproveitando a nosa experiencia na Rede e poñéndoa a disposición doutras entidades que traballan pola sociedadee a cultura galega, dentro e fóra do país", explica o seu director.