A Real Academia Galega celebrará en Sada o 17 de maio cunha sesión plenaria adicada a Manuel Lugrís

 

A Real Academia Galega celebrará en Sada o 17 de maio cunha sesión plenaria adicada a Manuel Lugrís

Actualizado 10/05/2006 14:39:00 CET

Máis de 40 persoeiros recibiron a homenaxe da academia desde que en 1963 se instaurou esta data adicada á literatura e a lingua galega

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 May. (EUROPA PRESS) -

A Real Academia Galega prepara a celebración do Día das Letras Galegas, conmemoración instaurada desde 1963 na data do 17 de maio, e, como ven sendo habitual, ese día terá lugar unha sesión plenaria que este ano será en Sada (A Coruña) e terá como protagonista a Manuel Lugrís, autor ao que se rendirá homenaxe.

Así, o Auditorio Museo Carlos Maside, en Sada, acollerá a sesión plenaria extraordinaria e pública coa que a Academia conmemorará a data adicada á literatura e lingua galega. Está previsto que o acto comece ás 12.30 horas do 17 de maio coas intervencións dos académicos Xosé Luis Axeitos Agrelo, Xosé Neira Vilas e Xesús Ferro Ruibal, para que sexa o presidente da institución, Xosé Ramón Barreiro, o que peche o acto.

Nunha semana, a vila de Sada acollerá este ano os actos organizados pola Real Academia Galega, en colaboración co Grupo Sargadelos, por ser o lugar no que naceu o autor ao que este ano se adica o Día das Letras Galegas. Lugrís naceu nesta localidade coruñesa o 11 de febreiro de 1863 e morreu o 15 de febrerio de 1940 na cidade da Coruña.

O plenario da Real Academia Galega, reunido o pasado 2 de xullo de 2005 na Coruña en sesión ordinaria, acordou dedicar o 'Día das Letras Galegas de 2006' a Manuel Lugrís Freire pola súa contribución en defensa do idioma galego.

Segundo salientou a Real Academia Galega, a biografía e a obra de Lugrís mostran "unha vida de total entrega á dignificación e á normalización da lingua galega, sempre unida á defensa de Galicia, para o que participou na creación de moi diversas entidades políticas e culturais".

A FIGURA E A PRODUCIÓN DE LUGRÍS

Entre os datos biográficos máis salientables está o feito de que Manuel Lugrís fundou en Cuba o primeiro xornal escrito integramente en galego (A Gaita Gallega, 1885-89); foi un dos membros fundadores da Academia Galega e o seu presidente entre o 28 de abril do 1934 e o 20 de agosto do 1935 e foi o primeiro en usar en público o galego nun mitin, en 1907 en Betanzos nun acto do Sindicato Solidaridad Gallega do que fora fundador.

Asemade en 1916 participou na constitución da Irmandade da Fala da Coruña; en 1922 publicou Gramática do idioma galego, a primeira escrita no noso idioma; en 1923 ingresou como correspondente no Seminario de Estudos Galegos cun discurso sobre Pondal; e en 1932 participou na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía (e logo do proxecto), en representación do Partido Galeguista.

No que respecta á produción literaria, tratou practicamente todos os temas, pero salienta sobre todo a súa obra teatral, coa que inaugurou o teatro galego en prosa. En 1894 publicou o primeiro libro de versos, 'Soidades'; en 1901, 'Noitebras', tamén un libro de versos. En 1903 publicou 'A Ponte', unha peza teatral que se estreou no Teatro Principal da Coruña ese mesmo ano; en 1904, o drama 'Minia', que se estreou no Teatro Jofre de Ferrol, e 'Mareiras', drama estreado no Teatro principal da Coruña.

En 1906, Manuel Lugrís deu a coñecer o drama 'Esclavitú', que sería estreado en 1910; publicou 'Contos de Asieumedre' en 1909; dez anos despois, 'Versos de Loita' e a comedia 'Estadeíña'; en 1927, o libro de poemas 'Ardencias', e, ao ano seguinte, outro poemario que titulou 'As mariñas de Sada'.

Ademais da súa extensa produción literaria tamén hai que destacar as súas colaboracións na prensa da época, da que dan boa mostra os artigos publicados en 'Revista Gallega', 'A Nosa Terra', 'A Gaita Gallega' e 'El Eco de Galicia', entre outros xornais.

OUTROS AUTORES HOMENAXEADOS

Entre 1963, ano no que comezou a conmemoración do 'Día das Letras Galegas', os persoeiros homenaxeados foron Rosalía de Castro; Castelao; Eduardo Pondal; Francisco Añon Paz; Manuel Curros Enríquez; F. López Cuevillas; Antonio Noriega Varela; todos eles na década dos anos 60.

Asemade, na década dos 70, as Letras Galegas lembraron a Marcial Valladares Núñez; Gonzalo López Abente; Valentín Lamas Carvajal; Manuel Lago González; Xoán Vicente Viqueira Cortón; Xoán Manuel Pintos Villar; Ramón Cabanillas; Antón Vilar Ponte; Antonio López Ferreiro; Manuel Antonio; e Alfonso X, O Sabio.

Nos seguintes dez anos a Real Academia Galega adicou esta data a Vicente Risco; Luis Amado Carballo; Manuel Leiras Pulpeiro; A. Cotarelo Valledor; Antón Losada Diéguez; Aqullino Iglesia Alvariño Francisca H. Garrido; Ramón Otero Pedrayo; e Celso Emilio Ferreiro

A figura de Luís Pimentel abriu a lista de homenaxeados entre 1990 e 2000, na que tamén tiveron o seu espazo Álvaro Cunqueiro; Fermín Bouza-Brey; Eduardo Blanco-Amor; Luís Seoane; Rafael Dieste; Xesús Ferro Couselo Anxel Fole; os trovadores Martin Codax, Johan de Cangas e Meendinho; Roberto Blanco Torres; e Manuel Murguía.

Por último entre 2001 e 2005 os persoeiros aos que se lle adicou o 17 de maio foron Eladio Rodríguez; Frei Matín Sarmiento; Antón Avilés Taramancos; Xaquín Lorenzo Fernández; e Xesús Varela Vázquez. Este ano será a figura de Manuel Lugrís Freire a que se incorpore a este recoñecemento da Real Academia Galega, concedido así a máis de 40 persoeiros.

OUTRAS INICIATIVAS

Deste que se coñeceu o nome do homenaxeado este ano, son varios os recoñecementos a Lugrís, que se veñen intensificando a medida que se achega a data do 17 de maio. A Xunta tense sumado a través de diversos departamentos, entre eles, a Secretaría Xeral de Política Lingüística que distribuiu en preto de 2.000 centros de primaria e secundaria distintos materiais didácticos e carteis para dar a coñecer a vida e obra de Manuel Lugrís, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

O material consta de unidades didácticas, exposicións de carteis ilustrados, CD-ROM, DVD e escolmas de todos os autores homemaxeados no Día das Letras Galegas dende a súa primeira celebración en 1963. Asemade, Política Lingüística remitiulles diverso material didáctico aos 41 centros de estudos galegos que funcionan en distintas universidades españolas e do estranxeiro, coa finalidade de contribuír á difusión da lingua e a cultura galegas no exterior. No envío figura todo o material elaborado con motivo do 'Día das Letras Galegas' sobre a traxectoria literaria de Manuel Lugrís Freire.

Asemade, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Xunta, ofrece na súa web (www.cirp.es) traballos feitos por Manuel Lugrís. Así, na rede está a disposición de todos os interesados dúas obras que nos presentan o traballo xornalístico feito en Cuba por Lugrís e a súa obra narrativa.

Tamén a Consellería de Innovación e Industria aproveitará a celebración conxunta o vindeiro 17 de maio do Día das Letras Galegas, de Internet, das Telecomunicación e da Sociedade da Información, para valorar as posibilidades da rede como difusión da lingua propia desta comunidade.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies