Santiago Centro celebrará hoxe unha mesa redonda sobre a lingua galega na empresa

Actualizado 11/05/2006 11:54:11 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 May. (EUROPA PRESS) -

A Fundación Santiago Centro, Área Comercial, que agrupa a comerciantes do Ensanche da capital galega, conmemorará hoxe o Día das Letras Galegas cunha mesa redonda na que se vai abordar o uso do galego nas relacións empresariais.

Segundo informou a devandita entidade comercial, con esta actividade, que se celebra a partir das oito do serán no Hotel Meliá Araguaney, preténdese involucrar a diferentes sectores do mundo da empresa e contribuír á dinamización cultural e social do Ensanche de Santiago.

A Fundación conta co xornalista Luís Celeiro para moderar unha mesa na que participan tamén o lingüista Fernando Ramallo, profesor na Universidade de Vigo e coautor do libro 'Vender en galego. Comunicación, Empresa e Lingua'; o lingüista e cofundador de Vieiros, Daniel Romero; o propietario e xerente de Pousadas de Compostela, José Manuel Otero e Mónica Martínez, xornalista e coordinadora de Sección de Galicia Hoxe, único diario de Galicia en galego.

Santiago Centro invitou ao acto conmemorativo a representantes da vida social, cultural, política e económica da cidade, nun intento de que a mesa se converta "nun foro de debate que permita ter unha imaxe fiel da situación actual do uso do galego nas empresas". O acto é de entrada libre ao público.

Este é o terceiro ano consecutivo que a Fundación conmemora o Día das Letras Galegas. No ano 2004 fíxoo mediante unha lectura pública da obra de Xocas, o autor homenaxeado; e o ano pasado cun concurso de recitado da obra poética de Lorenzo Varela, na que participaron alumnos de colexios de toda a cidade.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies