Máis de un millar de viaxeiros empregaron o 'Noitebús' no seu primeiro fin de semana en funcionamento

Actualizado 10/07/2006 21:05:31 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Jul. (EUROPA PRESS) -

Un total de 1.049 persoas usaron o servicio do 'Noitebús' no seu primeiro fin de semana de funcionamento. A maioría eran mozos que se desprazaban ás zonas de marcha nos itinerarios que ofrece este novidoso proxecto.

Do total de viaxeiros, o 60% fixeron traxectos de ida e volta, polo que se calcula que o servizo foi empregado por unhas 700 persoas nas seis rutas establecidas nas zonas de Sanxenxo, Baiona, Mariña lucense, Ferrol, Ribeira e Carballo.

A noite do sábado 8 foi a que máis viaxeiros rexistrou, case triplicando o número de usuarios do venres. Por rutas, a maior afluencia rexistrouse na de Pontevedra-Portonovo con 387 viaxeiros, Padrón-Ribeira con 245 e Vigo-Baiona con 209.

Dende a Dirección Xeral de transportes avalíase esta primeira experiencia como "satisfactoria", xa que hai que ter en conta que esta fin de semana se celebraba o Festival Celta de Ortigueira, que concentrou un gran número de xoves.

A Consellería de Política Territorial sinalou que "aínda é cedo para elaborar conclusións, pero espérase que o número de usuarios vaia en aumento, polo que compre esperar un tempo prudencial de implantación do 'Noitebús'".

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies