A Mesa propón a creación dun Servizo Galego de Dobraxe e Subtitulación

Actualizado 18/06/2006 22:20:30 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Mesa pola Normalización Lingüística considera "prioritario" que as políticas de dobraxe se centren en filmes destinados á xente nova e insta á Xunta a que poña os alicerces para a creación nesta lexislatura dun Servizo Galego de Dobraxe e Subtitulación.

O colectivo en defensa do idioma galego denunciou hoxe que os filmes de 'Shin Chan' e 'Doraemon', que distribúe Luk Internacional, deixarán de dobrarse ao galego por non haber apoio institucional.

Ante esta situación, A Mesa a reclámalle á Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependente da Presidencia da Xunta, "que non se fechen as portas" ás distribuidoras que están dispostas a dobrar e difundir filmes no noso idioma, como é o caso de Luk Internacional. Ademais, insta á administración a que cumpra o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) no referido á dobraxe de filmes e poña os medios para que non se produza este paso atrás Tamén aproveitor para propor a creación dun Servizo Galego de Dobraxe e Subtitulación, que asuma elaborar as lexendas e dobrar para a televisión todos os filmes que se estreen nas salas comerciais galegas, cedéndoas gratuitamente ás distribuidoras ou ás televisións que poidan ter os dereitos de emisión de ditos filmes.

A proposta da Mesa implica que tamén teña un papel activo no proceso a Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), que se debería anticipar na dobraxe, mesmo antes de obter os dereitos de emisión dos filmes.

Segundo a asociación, isto significaría que sen que a TVG tivese maiores custos, posto que máis tarde ou máis cedo iría pagar a tradución, podería haber a opción de galego tamén nas televisións xeneralistas (coas opcións do TDT), locais e nas novas autonómicas privadas. Ademais, poderíase aproveitar esa mesma dobraxe para os propios DVDs, independentemente de que houbese ou non a posibilidade de ver ese filme na nosa lingua nas salas de cinema.