A Mesa reclama á Xunta que actúe ante a "imposición" de Facenda do uso exclusivo do castelán nas xestións en internet

Actualizado 13/04/2006 14:45:44 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Abr. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, reclamou á Xunta que actúe ante la "imposición" do uso do castelán na páxina web da Axencia Tributaria (www.aeat.es) que, sen embargo, dá a opción de elixir o catalán nas súas opcións lingüísticas.

Nun comunicado, Callón recordou que a Mesa leva "anos pedindo reiteradamente" que se corrixa esta "discriminación", ante á que o Goberno central "fai ouvidos xordos e a Xunta nin onte nin hoxe contribuíu para corrixilo".

Así, denunciou esta "imposición pura e dura do castelán, negando o máis mínimo dereito de opción lingüística" e avanzou que un dos obxectivos da manifestación do 17 de maio será "garantir o uso do galego por parte da Administración do Estado" e engadiu que estas "garantías" poden chegar a través do novo Estatuto de Autonomía.

Con todo, a Mesa dirixiuse á secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, a quen acusan de "deixadez de funcións", para preguntarlle "por que consente este tipo de discriminacións sen facer nada". Ademais, remitiu tamén misivas aos deputados galegos no Congreso dos Deputados, ao ministro de Economía e Facenda, e ao delegado do Goberno na Galiza e ao defensor del Pueblo.