Política Lingüística destina 760.000 euros a financiar o fomento do uso de galego en organizacións sen ánimo de lucro

Actualizado 18/06/2006 14:16:41 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Secretaría Xeral de Política Lingüística destinará 760.000 euros a subvencionar 419 proxectos destinados a promover a o uso social da lingua galega nas organizacións sen ánimo de lucro que realizan actividades en Galicia. A contía total das axudas concedidas estará repartida en aportacións desde os 700 ata os 15.000 euros, sendo o importe medio da subvención de máis de 1.800 euros.

Sindicatos, colexios profesionais, asociacións ecoloxistas, fundacións, clubes e organizacións non gobernamentais son algunhas das entidades que van percibir as subvencións, logo da avaliación realizada polos técnicos da Secretaría Xeral.

A maior parte das solicitudes presentadas dende a publicación da orde --no mes de decembro pasado--, optaban ás axudas para editar publicacións (29%), realizar actividades lúdicas, xornadas, certames, cursos e campañas (23,6%), elaborar páxinas web (18,4%) e facer publicidade (5,7%).

A comisión de avaliación creada por persoal da Secretaría Xeral de Política Lingüística considerou como criterios preferentes para a concesión das subvencións o grao de normalización lingüística das entidades solicitantes.

Na concesión priorizárose os proxectos desenvolvidos no ámbito autonómico, o alcance da actividade proposta, o carácter permanente da actuación, o grao de elaboración, a creatividade, o uso das novas tecnoloxías e, de ser o caso, o compromiso de contratación de persoal para a execución do proxecto ou plan para o que se solicitaba a axuda.