PSdeG e UGT iniciarán unha campaña para instar a Xunta e Goberno que actúen para evitar a retroactividade do tax lease

Vigo Psoe Ugt Naval
EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado 20/05/2013 21:34:17 CET

Promoverán accións conxuntas con outras Comunidades Autónomas e no Congreso dos Deputados

VIGO, 20 May. (EUROPA PRESS) -

O PSdeG e o sindicato UGT iniciarán unha campaña para instar á Xunta e ao Goberno central a que tomen xa en serio" o sector naval, e que acudan a Bruxelas para defender que a suspensión do anterior sistema de bonificacións fiscais, 'tax lease', non teña carácter retroactivo, o que implicaría a devolución de millóns de euros e un mazazo para unha industria xa en situación crítica.

O Concello de Vigo acolleu este luns unha reunión entre responsables do metal de UGT; o secretario xeral do PSdeG, Manuel 'Pachi' Vázquez; o deputado autonómico, Abel Losada; o alcalde da cidade, Abel Caballero; a deputada e tenente de alcalde, Carmela Silva; e o concelleiro David Regades.

Nese encontro, os responsables do PSOE trasladaron aos representantes sindicais o seu compromiso de tomar a iniciativa política para instar á Xunta e ao Goberno a, seguindo o exemplo doutras comunidades (como Euskadi ou Asturias), trasladarse a Bruxelas para defender ao sector naval. "Botamos en falta a preocupación da Xunta", apuntou Manuel Vázquez, quen lamentou que Galicia, "de contos vai ben, pero de contratos mal".

O líder dos socialistas galegos recalcou a necesidade de que o goberno central e os autonómicos afectados se presenten ante as autoridades europeas cunha posición "unánime" de defensa desta industria, e recalcou a disposición do alcalde de Vigo, que "sempre é o primeiro" en apoiar a este sector estratéxico.

Vázquez advertiu de que o naval xoga co calendario en contra, e de que os meses pasan sen que haxa contratación de barcos. "Xa vale de desculpas e de estar escondidos, esperando a que chegue o milagre", apuntou.

UGT

Pola súa parte, o responsable federal de MCA-UGT, José Luis Gacio, explicou que o goberno de España ten que facer valer ante Bruxelas o principio de "confianza lexítima" para evitar que a suspensión do tax lease teña efectos retroactivos, porque a devolución das bonificacións suporía a "defunción definitiva" do naval.

Por iso, o sindicato iniciará unha campaña de presión ante as administracións implicadas, tamén a través dos parlamentos autonómicos das rexións con presenza notable de industria de construción naval (Galicia, Euskadi e Andalucía) "para instar o Goberno a que explique qué xestións está a facer" ante a UE para defender este sector.

Así mesmo, UGT buscará o apoio doutros sindicatos, empezando por CC.OO. (aínda que sen descartar outras centrais), coa que pretende convocar unha protesta en Madrid, na que tamén participarían outros "sectores agraviados" polas decisións do Executivo central.

Pola súa banda, o responsable de MCA-UGT en Galicia, Manuel García, lamentou a falta de iniciativa política da Xunta neste ámbito, malia que a comunidade galega concentra a maior parte da actividade de construción naval de España. "O goberno da nación e a Xunta fanse o 'hara kiri'. O goberno galego debería facer máis do que fai", criticou.