O Salón do Libro de Casablanca acolle a presentación da primeira tradución ao árabe dun libro galego

 

O Salón do Libro de Casablanca acolle a presentación da primeira tradución ao árabe dun libro galego

Actualizado 15/02/2006 17:07:00 CET

Marisol López anuncia novas iniciativas para a proxección exterior da lingua galega, como a sinatura dun convenio co Instituto Cervantes

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Feb. (EUROPA PRESS) -

O Salón Internacional do Libro e da Edición de Casablanca foi hoxe escenario da presentación da primeira tradución ao árabe dun libro escrito en galego, trátase de 'Se o vello Simbad volvese ás illas', de Álvaro Cunqueiro. A secretaria xeral, Marisol López, asistiu hoxe á presentación da obra, no transcurso da xornada dedicada ás letras galegas na Feira de Casablanca.

A devandita obra de Cunqueiro foi a elixida para esta primeira incursión da literatura galega na cultura árabe a iniciativa do Pen Club de Galicia, presidido por Luís González Tosar, e do profesor e escritor marroquí Larbi El Harti. O Instituto Cervantes de Casablanca apoiou o proxecto e tamén a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que patrocinou a tradución.

Precisamente Marisol López asistiu hoxe á presentación da obra na cidade de Marrocos. No acto estiveron presentes o director da Editorial Marsam, que publicou a obra en árabe, o director de edicións de Galaxia, Carlos Lema, que cedeu os dereitos da obra para a súa tradución, o fillo de Álvaro Cunqueiro, César Cunqueiro e o presidente do Pen Clube de Galicia, Luís González Tosar.

No transcurso da xornada dedicada ás letras galegas na Feira de Casablanca, Marisol López apuntou que un dos obxectivos que establece o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega é "a proxección exterior da lingua e a literatura galegas como manifestacións dunha cultura diferenciada e como expresión social do pobo galego".

Asemade, amosou a súa satisfacción porque sexa precisamente unha obra de Cunqueiro, do que o vindeiro 28 de febreiro se cumprirán 25 anos do seu pasamento, a elixida para iniciar esta comunicación entre as culturas árabe e galega.

"A fabulación, o mito e a oralidade son elementos presentes en Cunqueiro e tamén na cultura marroquí, polo que este primeiro punto de unión pode servir para achegar os lectores árabes á obra deste escritor galego, unha das figuras máis importantes da literatura galega do século XX", apuntou.

LITERATURA E CULTURA GALEGAS

A secretaria xeral de Política Lingüística aproveitou para anunciar que está previsto asinar en vindeiras datas un convenio de colaboración co Instituto Cervantes, o que facilitará o achegamento da lingua e da cultura galegas a todos aqueles lugares do mundo nos que está presente este centro.

Ademais da presentación desta obra, na xornada dedicada ás letras galegas celebrouse tamén unha mesa redonda titulada "Territorios fantásticos do Atlántico: Galicia e Marrocos", e outra sobre "Voces da literatura galega actual". Precisamente sobre os escritores contemporáneos en lingua galega falou o hispanista Larbi El Harti, autor da tradución de !Se o vello Simbad volvese ás illas".

El Harti, autor de varios libros de relatos e gañador do premio Sial Nobel 2003 polo seu libro Después de Tánger, manifestou o seu interese por abordar agora a tradución de obras de autores galegos de hoxe, como Suso de Toro ou Manuel Rivas. A secretaria xeral de Política Lingüística expresou o apoio do Goberno galego a iniciativas coma esta para afondar na proxección exterior da lingua e a cultura de Galicia.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies