Sete librerías de Santiago acollerán desde o 19 de abril sesións de contacontos para os máis pequenos

Actualizado 13/04/2006 13:08:50 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Abr. (EUROPA PRESS) -

Sete librerías e espazos de lectura de Santiago acollerán a partir do 19 de abril diversas sesións de contacontos, presentacións de libros e encontros con autores e ilustradores, como complemento á VI Campaña de Animación á Lectura "Un dous tres, que les?" que o Concello de Santiago organiza na Galería Sargadelos, coordinadas pola editorial Kalandraka.

Segundo informou o Concello compostelán, o programa de actividades paralelas comeza o vindeiro día 19 de abril ás 18.30 horas na librería Aenea, coa actuación do equipo de animación á lectura de Kalandraka. A librería Follas Novas acollerá outra sesión de contacontos ao día seguinte, ás 18.00 horas.

Nesa mesma xornada do 20 de abril, o ilustrador Marc Taeger presentará a súa última obra, "Aquiles o puntiño" editada por Kalandraka. O acto celebrarase na librería Aula 25 ás 18.30 horas. As ilustracións deste novo álbume poden verse na Galería Sargadelos. Marc Taeger tamén é o ilustrador de "A verdadeira historia de Carapuchiña", publicado por Kalandraka, co que gañou o Premio Daniel Gil de Deseño Editorial na categoría de Libro Infantil e Xuvenil.

A librería Abraxas será o escenario dunha nova sesión de contacontos, programada para o día 24 de abril ás 18:30 horas. O equipo de animación á lectura de Kalandraka tamén visitará a librería San Pablo (Rúa do Vilar, 37, baixo) o día 25 á mesma hora.

O debuxante Kiko Dasilva, director da colección BD Banda no novo selo editorial Faktoría K de Libros, fará unha presentación do seu último álbume, titulado "Fiz", o día 27 na Biblioteca Nova 33. Kiko Dasilva imparte un taller de banda deseñada para nenas e nenos de Educación Primaria que participan nesta campaña para afeccionalos ás historietas.

Finalmente, o programa de actividades complementarias pecharase na librería Couceiro o vindeiro 2 de maio, cunha sesión de contacontos que comezará ás 18.30 horas.

Por outra banda, Kalandraka e o Concello de Santiago invitan aos pais e nais a asistir ás charlas dirixidas a familias co obxectivo de proporcionarlles claves para animar os cativos a ler na casa. Serán o día 19 de abril ás 18.15 horas na Escola Infantil Municipal de Conxo e o 6 de maio, data na que se clausura a campaña "Un dous tres, que les?", neste caso ás 12.00 horas na Galería Sargadelos.