Tamar Novas será Bécquer este xoves en 'El Ministerio del Tiempo' e roda 'Fariña'

 

Tamar Novas será Bécquer este xoves en 'El Ministerio del Tiempo' e roda 'Fariña'

Contador
Tamar Novas no papel de Bécquer en 'O Ministerio do Tempo'
RTVE
Publicado 10/06/2017 12:50:33CET

O actor galego, que tamén prepara a serie 'La Zona', móstrase "afortunado" de traballar en proxectos e con creadores que lle "interesan"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Jun. (EUROPA PRESS) -

O actor galego Tamar Novas (Santiago de Compostela, 1986) converterase no escritor Gustavo Adolfo Bécquer no próximo capítulo de 'El Ministerio del Tiempo', que se emitirá este xoves, 15 de xuño, en Televisión Española.

Así mesmo, Novas (Goya a actor revelación por 'Mar Dentro') roda na actualidade entre Galicia e Asturias dúas novas series. Por unha banda, 'Fariña', baseada no libro de Nacho Carretero sobre o narcotráfico en Galicia nos anos 80 (Bambú e Atresmedia), así como 'A Zona', un thriller de Movistar Plus.

En conversación con Europa Press, o actor compostelán móstrase "afortunado" neste momento da súa carreira "por poder traballar, non só en proxectos de moita repercusión e personaxes importantes como Bécquer", senón de estar ás ordes de "directores, creadores e narradores" que lle "interesan".

"No caso de 'El Ministerio del Tiempo' é unha das series nas que quería traballar", afirma Novas, que destaca que esta produción ten unha "proxección internacional e unha calidade enorme".

O capítulo está inspirado en 'Cartas desde mi celda', un conxunto de nove misivas que Bécquer escribiu durante a súa estancia no Mosteiro de Veruela, lugar no que se rodou o episodio.

Tamén resalta a oportunidade de traballar con Javier Olivares (creador de 'El Ministerio del Tiempo') como con Koldo Serra, director do capítulo, e autor de 'Bosque de sombras', un filme sobre o que sostén: "É unha das películas que máis me gustou no cinema español".

PROXECTOS EN CARTEIRA

Xunto a isto, Tamar Novas atópase agora na rodaxe de 'Fariña', unha serie na que haberá máis rostros galegos, e terá a oportunidade de "volver traballar" con Carlos Sedes (director) ou Ramón Campos (guionista e produtor), cos que xa colaborou "hai anos en Galicia". Sobre este proxecto, avanza que será un produto "moi potente".

En paralelo, prepara a serie 'La Zona', cunha repartición "espectacular", que narra a investigación dun asasinato nun escenario marcado por unha catástrofe nuclear, e encántalle traballar cos irmáns Cabezudo, creadores da obra.

Tamar Novas traballou no cinema con directores como Almodóvar ('Los abrazos rotos'), Amenábar ('Mar dentro') ou José Luis Cuerda ('La lengua de las mariposas'), así como en diversas series televisivas e adaptacións teatrais como 'El viaje a ninguna parte'.

La actualidad más visitada en EuropaPress logo: La actualidad más vista
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies