Uns 100 alumnos e 24 poñentes partiparán dende mañá en Lalín nun curso de verán da USC sobre igualdade de oportunidades

 

Uns 100 alumnos e 24 poñentes partiparán dende mañá en Lalín nun curso de verán da USC sobre igualdade de oportunidades

Actualizado 10/07/2006 20:42:10 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Jul. (EUROPA PRESS) -

O auditorio municipal de Lalín acollerá desde mañá, e ata o 14 de xullo, o curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela (USC) 'Novas fronteiras na igualdade de oportunidades. Axentes de socialización', no que participarán máis dun cento de alumnos e 24 poñentes.

A inauguración oficial do curso terá lugar ás 9.30 horas coa presenza da secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Carme Adán; a vicerrectora de Calidade e Planificación da Universidade de Santiago (USC), Mari Paz García; o director do Instituto de Ciencias da Educación, Miguel Ángel Santos; a concelleira de Igualdade de Lalín, Fe Cortizo; e o director de Caixanova para o Deza e Tabeirós-Terra de Montes, Javier Puertas.

Logo do acto inaugural, terá lugar a primeira conferencia a cargo de Javier Elzo, catedrático de Socioloxía da Universidade de Deusto, baixo o título de 'Socialización, xénero e familia'. As actividades matinais rematarán cunha mesa redonda sobre 'Familia, identidade e diversidade cultural', na que tomará parte Mar Lorenzo Moledo, profesora do Departamento de Teoría e Historia da Educación da USC.

Pola tarde, está previsto unha nova mesa redonda na que se analizará o tema 'Familia e igualdade de oportunidades', coa presenza de Germán Vargas, profesor do Departamento de Teoría e Historia da Educación da USC, e Raquel Seijo, educadora social do Centro Cívico Municipal de Labañou en A Coruña.

As actividades deste primeiro día do curso de verán rematarán coa conferencia de Rosa Cobo Bedia, profesora de Socioloxía da Universidade da Coruña, sobre 'As mulleres e a socialización para o poder'.

Ao longo das seguintes xornadas, o curso de verán contará coa participación de Elisa Jato e Purificación Mayobre, directoras de diferentes másters en materia de igualdade que se celebran en Galicia. Ademais, haberá representación doutras universidades españolas, como a Complutense de Madrid, coa profesora Ángeles Espinosa; a Universidade de León, con Enrique J. Díez; a Universidade de Alcalá de Henares, con Iñaki Piñuel y Zabala; ou a Universide da Laguna, con Fernando Barragán.

Este curso de verán está homologado pola Universidade de Santiago e conta con dous créditos de libre configuración. Para obter máis información sobre o mesmo pódese consultar a páxina web www.lalin.org/igualdade. Ademais, as conferencias serán abertas, ata completar aforo, de xeito que podan asistir ás mesmas todas as persoas interesadas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies