A USC adhírese á 'Declaración de Berlín' sobre o acceso aberto ao coñecemento nas Ciencias e nas Humanidades

Actualizado: martes, 4 abril 2006 16:56

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Universidade de Santiago adheriuse recentemente á 'Declaración de Berlín' sobre o acceso aberto ao coñecemento nas Ciencias e nas Humanidades aprobada en outubro de 2003 por representantes de varias institucións europeas convocados pola Sociedade Max Planck.

A Declaración xurde da obriga das institucións por "considerar os retos da Internet como medio funcional emerxente para a distribución de coñecemento". Deste xeito, desde Berlín reclámase a promoción da Rede como instrumento funcional "que sirva de base global do coñecemento científico e a reflexión humana" e para especificar medidas "que deben ter en conta as persoas encargadas das políticas de investigación, as institucións científicas, as axencias de financiamento, as bibliotecas, os arquivos e os museos".

Ao subscribir esta declaración, a USC comprométese a crear e manter repositorios institucionais de acceso electrónico aberto, onde se depositen copias dos traballos científicos producidos polos seus profesores e investigadores. Neste senso, dende as Bibliotecas universitarias estase xa instando á configuración destes repositorios e estudando a posibilidade de que as editoriais universitarias introduzan neles os seus produtos.

Na USC comezouse en 2005 a solicitar a autorización dos autores das teses de doutoramento para colgalas na web da BUSC. Tamén se deposita nese repositorio a Revista de Investigacións Políticas e Sociolóxicas e estase a falar cos responsables das demais para levalo a cabo paulatinamente. Existe así mesmo o proxecto de traballar para situar en acceso aberto as actas de congresos.

Ademais, en setembro de 2005 a USC asinou un convenio de colaboración coa Universidad de La Rioja para a cooperación por parte da BUSC no proxecto Dialnet -http://dialnet.unirioja.es-, que ten como un dos seus principais obxectivos aumentar a difusión e a accesibilidade da literatura científica hispana, potenciando o acceso libre e gratuíto á mesma a través de Internet mediante a constitución dunha base de datos que, na actualidade, conta con máis de 780.000 artigos científicos hispanos, dos que máis de 60.000 son a texto completo.

Por outra banda, a USC fomentará a publicación dos traballos do seu PDI segundo este modelo de acceso electrónico aberto, o que implica un recoñecemento desa producción científica sen establecer diferenzas con respecto á que sigue os modelos tradicionais.