A USC convoca axudas para desenvolver accións de mellora da docencia no marco do Espazo Europeo de Educación Superior

 

A USC convoca axudas para desenvolver accións de mellora da docencia no marco do Espazo Europeo de Educación Superior

Actualizado 01/02/2006 17:52:50 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) abre o prazo para a admisión de solicitudes da convocatoria 2006 de 'Axudas para o desenvolvemento de accións de mellora da docencia no marco da construción do Espazo Europeo de Educación Superior', e que se pechará o día 15 de marzo.

O obxecto desta iniciativa é estimular a mellora da calidade docente, financiando a posta en marcha de accións que supoñan un avance no proceso de construción do Espazo Europeo de Educación Superior e que necesiten recursos adicionais aos que posúe o centro ou titulacións. As accións financiadas deberán desenvolverse ao longo do vindeiro curso académico 2006-2007.

Poderán participar na solicitude de recursos os centros da USC que desexen avanzar no proceso de mellora continuada das titulacións que desenvolven. As accións deberán referirse a algunha das actuacións descritas nos eixes do apartado de docencia do Plan de Calidade da USC ou que se trate dunha iniciativa orixinal que non posúa financiamento da USC en convocatorias ou anualidades anteriores.

A avaliación e selección das axudas correspóndelle á Comisión de Calidade e Planificación Estratéxica do Consello de Goberno que considerará como criterios xerais para a selección a pertinencia da acción de mellora e viabilidade da súa realización, así como o seu axuste ás condicións de participación e a súa presentación na forma e datas establecidas.

Ademais, o comité, a efectos de preferencia, considerará como elementos positivos as iniciativas dirixidas á implantación dos créditos ECTS e da metodoloxía docente que estes implican, as propostas que dean lugar ao maior número posible de implicados ou beneficiarios, e aquelas con posibilidades de extensión do resultado obtido a outros centros ou titulacións.

Para obter máis información, así como os formularios para a presentación de instancias, as persoas interesadas poden visitar a páxina web http://www.usc.es/calidade/acc_mellora.htm.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies