A xornada de paro convocada pola CIG comeza con 8 detidos en Vigo por colocar unha barricada e danar un caixeiro

Actualizado 27/01/2011 10:31:11 CET

O sindicato nacionalista cualifica o seguimento da folga de "maioritario" no sector industrial

VIGO, 27 Ene. (EUROPA PRESS) -

A xornada de paro xeral convocada para este xoves pola CIG en Galicia iniciouse con oito detidos na cidade de Vigo, segundo fontes policiais, pola construción dunha barricada e polo lanzamento de líquido inflamable contra un caixeiro automático.

Agentes do Corpo Nacional de Policía detiveron tres mozos por lanzar líquido inflamable contra un caixeiro na zona de Praza Elíptica, mentres que arrestaron outras cinco persoas que estaban a construír unha barricada na calzada da Avenida de Madrid, á altura do seminario. Destes últimos arrestados, hai catro traballadores afiliados á CIG, segundo confirmaron fontes desta central sindical.

A CIG afirmou que o seguimento do paro é "maioritario no ámbito industrial", e en empresas como Zara Loxística, no Polígono de Sabón, e en Alcoa, en San Cibrao. Así mesmo, informou de que están parados os servizos de recollida de lixo en Ferrol, Narón e Vigo, onde tamén se pechou a primeira hora o mercado da froita.

Os piquetes estiveron no acceso principal de PSA Peugeot Citroën tanto na quenda de noite como no de mañá, aínda que os traballadores se puideron entrar sen problemas, grazas á presenza de varias dotacións policiais.

Tamén foron custodiados os operarios dos estaleiros de Ferrol, mentres que o seguimento da folga no sector naval de Vigo foi maioritario na quenda de mañá. A actividade nos portos estase a desenvolver con normalidade, aínda que están paradas as obras no porto exterior da Coruña.

INCIDENTES

Malia que non se produciron incidentes graves, houbo retencións de tráfico pola presenza de pneumáticos ardendo na calzada. A este respecto, houbo problemas na autovía que une Brión e Santiago, na conexión coa AP-9, así como no acceso desta autoestrada na rúa Bos Aires de Vigo.

No que respecta ás grandes cidades, as Policías Locais informaron da presenza de colectores ardendo ou envorcados nalgunhas zonas, silicona no fecho dalgún colexio e presenza de piquetes informativos en parques empresariais e á entrada dalgunhas factorías.

Por outra banda, os Bombeiros de Vigo tiveron que acudir a sufocar un incendio nunha estación de telefonía móbil situada entre os municipios de Nigrán e Baiona.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies