Actualizado: sábado, 19 agosto 2017 10:29

   VIGO, 19 Ago. (EUROPA PRESS) -

   O xulgado de instrución número 1 de Vigo decretou o ingreso en prisión dos once detidos no marco dun operativo policial e de Vixilancia Aduaneira contra o tráfico de drogas, que se saldou coa incautación de 60 quilos de heroína na localidade pontevedresa de Caldas de Reis.

   Segundo confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), seis dos detidos (cinco homes e unha muller) pasaron durante a mañá deste venres a disposición do xulgado de instrución número 1 da cidade olívica, mentres que os outros cinco compareceron pola tarde no xulgado de garda.

   En todos os casos decretouse o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza. Os detidos son investigados por un suposto delito contra a saúde pública.

   O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, destacou este venres que esta operación, que segue aberta e baixo segredo, "supón un duro golpe ao narcotráfico que entra en Galicia, pero que tamén se distribúe noutros puntos".

   Trátase dunha actuación conxunta entre as Udyco da Coruña e Pontevedra, coa colaboración de Vixilancia Aduaneira, e que se saldou, ata o momento, con 11 detidos e uns 60 quilos de heroína incautada, que foi localizada nunha nave de Caldas de Reis.

Más noticias

Leer más acerca de: