EuropaPress.es  Imprimir

O téxtil galego denuncia a "falta de sensibilidade" por parte do COE ao encargar os seus uniformes a unha sinatura china

Actualizado: viernes, 2 mayo 2008 20:19

VIGO, 2 May. (EUROPA PRESS) -

A Asociación de Empresas de Punto e Confección das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra (AIPC) mostrou hoxe a súa "sorpresa" e "malestar" ante a decisión do Comité Olímpico Español (COE) por encargar o deseño e a elaboración dos uniformes do equipo olímpico á sinatura chinesa Li-Ning.

A asociación, que agrupa un centenar de empresas de tres provincias galegas, recoñece que, como organismo independente, o COE pode realizar os encargos a calquera empresa que opere no ámbito internacional da moda. Se ben, considera que o feito de que non se elixira unha sinatura nacional responde a "unha grande falta de sensibilidade" cara ao sector téxtil español, sobre todo tendo en conta a importancia dun acontecemento deportivo como son as olimpíadas.

Así, a AIPC mostrou o seu respaldo á postura do Consello Intertextil Español, do que forma parte, ao considerar que "actuacións como estas son un reflexo de como no noso país se deixan pasar oportunidades que, con toda seguridade outros países, con orgullo, non se deixarían escapar".

A patronal do sector sinalou que a moda española "goza dun gran recoñecemento e proxección internacional" ao tempo que recordou que se trata dun ámbito que, con máis 6.000 empresas e 170.000 traballadores, "padece unha profunda transformación" como consecuencia da competencia asiática, "principalmente de China".

© 2024 Europa Press. Está expresamente prohibida la redistribución y la redifusión de todo o parte de los servicios de Europa Press sin su previo y expreso consentimiento.