O 061 recibiu este ano máis de 700.000 chamadas e mobilizou os seus recursos en case 200.000 ocasións

Publicado 23/08/2019 14:15:43CET
XUNTA

O conselleiro Vázquez Almuiña visita as instalacións da Fundación Pública na Estrada

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Central de Coordinación do 061 de Galicia recibiu ao longo deste ano máis de 700.000 chamadas de asistencia sanitaria, que xeraron 281.314 procesos asistenciais e a mobilización de recursos en case 200.000 ocasións.

Así o lembrou a Xunta por mor da visita que realizou este venres o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, á Central de Coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia e ás súas instalacións que, desde o pasado mes de outubro, atópanse no CIAE da Estrada (Pontevedra).

Ao longo desta visita, o conselleiro destacou a importancia desta entidade como servizo público galego de emerxencias, que constitúe para os pacientes, en moitas ocasións, a porta de entrada ao sistema sanitario.

A maiores, destacou as melloras que suporá a implantación do novo modelo asistencial da Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galicia-061, para a atención de urxencias e emerxencias extrahospitalarias.

Actualmente, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 conta con 224 traballadores, maioritariamente persoal sanitario, médicos e enfermeiros, que se incrementará a partir do próximo mes de outubro en 12 médicos e 24 enfermeiros, tras a execución da adxudicación do concurso para a contratación desta rede.

Ademais, 25 locutores e 44 teleoperadores dunha empresa subcontratada colaboran na atención da demanda sanitaria e preto de 1.000 técnicos en emerxencias sanitarias forman parte da dotación das unidades asistenciais do servizo.

MELLORAS NA REDE

A rede de transporte sanitario urxente incorporará dúas ambulancias de soporte vital avanzado medicalizadas con base en Monforte de Lemos e O Salnés, que, ademais de mellorar a asistencia extrahospitalaria, permitirán optimizar os tempos de traslado entre centros hospitalarios. Tamén se incorporará a este modelo a ambulancia de soporte vital avanzado de Foz.

Ademais, o novo contrato inclúe tamén catro ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado de enfermaría con base en Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo, cunha dotación composta por un enfermeiro e un técnico en emerxencias sanitarias.

A maiores, incrementarase o número de ambulancias de soporte vital básico até as 107 unidades, coa incorporación dunha na comarca do Ribeiro, con base no Carballiño. Finalmente, as unidades non asistenciais con base en Pedrafita e Folgoso do Courel aumentarán a súa operatividade de 10 a 24 horas.

ACTIVIDADE EN 2019

Ao longo deste ano 2019, a Central de Coordinación do 061 recibiu 706.537 chamadas, que xeraron 281.314 procesos asistenciais. O 32 por cento resolveuse sen mobilización e o 68% restante necesitou activación de recursos para a súa resolución.

En concreto, os recursos do 061 mobilizáronse en 194.048 ocasións, das cales 180.361 foron para ambulancias asistenciais de soporte vital básico e 12.985 para ambulancias de soporte vital avanzado.

No caso dos helicópteros medicalizados, realizáronse 702 mobilizacións fronte ás 645 do mesmo período do ano anterior, o que supón un incremento do 9%. Estes datos débense, en parte, ao incremento das horas de operatividade das dúas aeronaves, con base en Santiago e en Ourense, que durante este ano pasaron de estar operativas durante 12 horas a actuar desde a saída á posta de sol.

Entre o 1 de xaneiro e o 21 de agosto de 2019, os profesionais sanitarios do 061 realizaron manobras de RCP a 442 pacientes e no rexistro galego de DESA, xestionado pola Fundación, hai inscritos máis de 1.500 desfibriladores semiautomáticos.

Desde a súa creación, a Fundación Pública desenvolveu varios programas especiais que recollen a información de determinados grupos de pacientes con características específicas, co obxectivo de diminuír a mortalidade e mellorar as condicións de vida dos pacientes.

Entre eles, explicou a Xunta, destacan o Programa de atención ao infarto agudo de miocardio (Progaliam), con 690 pacientes asistidos; o Programa Alerta Corazón, para a mellora na atención das persoas que sufrisen un episodio cardíaco, con 11.328 procesos xestionados polos profesionais da central; e o Programa Acougo, de asistencia a traslados e ingresos de persoas con enfermidade ou trastorno mental, con 10.558 servizos coordinados.

Outros programas especiais son a Alerta Escolar, con 6.061 nenos con patoloxías crónicas potencialmente mortais inscritos; o de Hospitalización a Domicilio, con 44.193 pacientes inscritos e 1.447 procesos asistenciais xestionados; e o Plan Ictus, con 1.164 persoas atendidas.

Contador