7 de Xuño de 2020
 
Publicado 22/05/2020 13:54:08 +02:00CET

Un 10 % de persoas recuperadas do COVID en Vigo necesitan reingreso hospitalario despois da alta por complicacións

Parte do equipo de Pneumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
SERGAS

A Unidade Postcovid do Chuvi inicia consultas para estudar secuelas en pacientes que superaron a infección

VIGO, 22 May. (EUROPA PRESS) -

Un 10 por cento dos pacientes ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) que se recuperaron após unha infección por COVID-19 necesitaron ser reingresados logo de recibiren a alta por complicacións, xa sen ter o virus.

Así o trasladaron fontes do Sergas e o xefe do servizo de Pneumoloxía do Chuvi, Alberto Fernández Villar, que puxeron este exemplo para ilustrar a importancia de facer un seguimento aos pacientes curados para coñecer que secuelas poden desenvolver após a infección por coronavirus.

A ese respecto, lembraron que os pacientes que pasaron por esa situación, algúns con ingresos prolongados en UCI, son dados de alta "cunha situación clínica impredicible, con riscos de complicacións e reingresos" provocados xa non polo virus, senón por descompensacións respiratorias e cardiovasculares. De feito, apuntaron fontes do Sergas, "na área sanitaria de Vigo, un 10 por cento dos casos necesitan reingreso hospitalario nos primeiros 30 días após a alta".

O COVID-19 causou moitas pneumonías, na maior parte de casos, cos dous pulmóns afectados (bilaterais). O virus pode provocar dous efectos: unha inflamación persistente, pola excesiva reacción do sistema inmune; e unha doenza tromboembólica pulmonar, pola aparición de coágulos nos vasos sanguíneos dos pulmóns.

Unha das principais secuelas da infección por coronavirus, aínda que non hai moita evidencia científica, é a fibrosis pulmonar, unha lesión causada pola cicatrización nos pulmóns após a inflamación, e que pode causar perda de capacidade respiratoria de entre un 20 e un 30 por cento a medio prazo.

UNIDADE POSTCOVID

Precisamente para seguir a evolución desas persoas, o Chuvi puxo en marcha unha Unidade Postcovid, que iniciará a próxima semana as consultas cos pacientes que superaron a infección para estudar a súa situación e as posibles secuelas que poidan ter.

Esta unidade púxose en marcha a finais de marzo e en próximos días empezará a atender presencialmente a pacientes que pasaron por pneumonías graves causadas polo coronavirus SARS-CoV-2, para analizar a súa evolución funcional (fundamentalmente respiratoria) aos 3 e aos 12 meses de ter sido dados de alta.

Nesas consultas realizaráselles unha avaliación clínica completa: enquisa de calidade de vida, analítica en sangue, probas funcionais de medición de capacidade pulmonar (espirometrías) ou de difusión pulmonar, test de esforzo, e estudo de radioloxía. Con estas probas perséguese poder detectar precozmente calquera tipo de secuela.

No caso de que se atopen alteracións, a Unidade Postcovid programará un seguimento personalizado que incluirá a evalución aos 12 meses para comprobar a resolución das secuelas observadas a medio prazo.

UN "SALTO CUALITATIVO"

O xefe do servizo de Pneumoloxía do Chuvi lembrou que, desde o inicio da pandemia, os pacientes con coronavirus menos graves ou leves recibiron seguimento por parte dos equipos de Atención Primaria ou de Hospitalización a Domicilio, unha experiencia con boa acollida e que motivou aos profesionais a facer o mesmo desde o hospital cos pacientes máis graves.

Por iso, desde finais de marzo activouse un protocolo de seguimento hospitalario a través do servizo TELEA ou por teléfono. Coa posta en marcha das consultas na Unidade Postcovid dáse "un salto cualitativo", segundo Fernández Villar.

Segundo apuntou o xefe de Pneumoloxía, a finalidade desta unidade é atender a eses pacientes dándolles "gran accesibilidade", para que poidan acudir a demanda e dispoñan dun teléfono directo para consultar dúbidas; "seguir aprendendo" sobre o comportamento clínico do virus"; e "emprender novas accións cunha abordaxe multidisciplinar para avanzar na loita contra a pandemia".

PROXECTOS DE INVESTIGACIÓN

Paralelamente á posta en marcha da Unidade Postcovid,o grupo COVID de Hospitalización do Chuvi desenvolverá varios proxectos de investigación, que xa foron aprobados polo Comité Ético de Investigación de Galicia, para recoller toda a información clínica que xere o estudo deses pacientes e seguir avanzando no coñecemento do virus.

Entre as cuestións que se estudarán está a persistencia de partículas do virus nas vías respiratorias, e outros aspectos relacionados coa enfermidade. Así mesmo, está a valorarse "a eficacia da ecografía pulmonar no seguimento destes pacientes".

Nestes proxectos de investigación participarán os servizos de Pneumoloxía, Medicina Interna e Radiodiagnóstico do Chuvi e de Povisa, e servirán para comprobar a evolución de síntomas como a tose, a fatiga, ou a capacidade motora, despois da alta hospitalaria; así como as atencións en Urxencias ou posibles reingresos non programados.

Con todo iso poderán extraerse conclusións sobre os factores que inciden nas patoloxías provocadas polo virus e que determinan a gravidade da infección.

"Trátase dunha iniciativa de especial transcendencia, que xerará moito coñecemento dunha enfermidade impredicible e de prognóstico incerto", recalcou Fernández Villar.

Contador