O 96% das augas de baño de Galicia tivo unha clasificación sanitaria excelente ou boa en 2018

Preto do 96% das zonas de baño de Galicia obtiveron unha clasificación excelente ou boa en 2018
EUROPA PRESS
Publicado: sábado, 20 abril 2019 13:39

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Abr. (EUROPA PRESS) -

   O 95,9% de todas as zonas de baño do censo oficial de Galicia obtivo unha clasificación sanitaria excelente ou boa durante a tempada de 2018.

   Así se desprende do informe final sobre o Programa de vixilancia sanitaria publicado recentemente pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

   Dos 507 puntos de mostraxe das zonas de baño incluídas no censo oficial, o 84,4% obtivo unha clasificación sanitaria excelente. Trátase da mellor clasificación desde 2011, o ano no que se comezou empregar o sistema de cálculo da clasificación sanitaria actual adaptado á normativa europea e no que se alcanzou o 70,7%.

   En 2018, o 11,4% das zonas de baño obtiveron unha clasificación boa e o 2,6% suficiente. Nesta tempada, só oito foron cualificadas como insuficientes.

   Este dato, indica que para a temporada de 2019, só no 1,6% dos puntos de mostraxe analizados deberase prohibir o baño ou recomendar non facelo, fronte ao 2,4% da tempada anterior.

   A Xunta indica que "en xeral, obsérvase unha tendencia á mellora na calidade das augas de baño tempada a tempada", ao "aumentar a porcentaxe de praias con clasificación sanitaria excelente e diminuír aquelas con clasificación sanitaria insuficiente".

PROGRAMA DE VIXILANCIA SANITARIA

   Dentro do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño elabórase cada ano un censo oficial. En 2018 figuraron un total de 489 zonas de baño con 507 puntos de mostra que se localizaron en 115 concellos. En total, recibíronse 5.408 mostras de auga.

   Esta vixilancia é importante porque o uso recreativo das augas de baño pode ter perigos e riscos para a saúde dos usuarios. A contaminación bacteriana pode provocar gastroenterite ou enfermidades respiratorias nas persoas que se bañen en augas contaminadas.

   Aínda que estas enfermidades raramente son graves, o número de persoas exposto pode ser elevado debido á tradición que existe en Galicia no uso de augas de baño.

   Todos os episodios de contaminación foron comunicados aos concellos implicados. Galicia é a comunidade con maior número de puntos de mostraxe censados, cun 23% do total de España, seguida de Andalucía e Cataluña. As praias galegas representan o 2,3% das zonas de baño da Unión Europea.

TEMPADA DE BAÑO

   A tempada de baño establécese con carácter xeral desde o 1 de xuño até o 30 de setembro de cada ano. A vixilancia sanitaria establécese mediante mostraxe periódica. Recóllense en total 10 mostras de cada zona de baño, unha antes do inicio da tempada e o nove restantes ao longo desta cunha periodicidade aproximadamente quincenal.

   Nas mostras de auga analízanse os parámetros microbiolóxicos enterococos intestinais e Escherichia coli. Ao final da temporada, cos resultados obtidos calcúlase a clasificación sanitaria de cada zona de baño mediante o sistema descrito na Directiva 2006/7/CE.

   Tamén leva a cabo, en coordinación coas administracións competentes, a xestión do risco para a saúde derivada da exposición ás cianobacterias e ás súas toxinas nos encoros con zonas de baño.

INFORMACIÓN NA WEB

   Desde o inicio da temporada, a clasificación sanitaria das augas de baño e dos resultados microbiológicos obtidos incluíronse na web da Dirección Xeral de Saúde Pública e no mapa de zonas de baño de Galicia.

   Ao final da temporada, os resultados foron introducidos no Sistema de Información Nacional de Augas de Baño (Náyade) que pode consultar toda a poboación a través do acceso ao cidadán.

   Unha vez calculada a clasificación sanitaria final de cada zona de baño publícase tamén na páxina web da Dirección Xeral.

   No caso de augas con clasificación sanitaria insuficiente, a autoridade competente velará para que se adopten medidas que inclúan a prohibición do baño ou recomendación de absterse de meterse na auga, ademais de ter que determinarse as causas destes parámetros.

   Os concellos deben fomentar o establecemento de actuacións para mellorar a calidade da auga das zonas de baño con clasificación sanitaria insuficiente, co obxectivo de que poida mellorar para a seguinte tempada.