Agriden a unha médica de urxencias do Hospital Universitario de Ourense

Archivo - Arquivo - Unha señora espera en cadeira de rodas no Complexo Hospitalario Universitario durante a terceira xornada da folga de médicos galegos, a 13 de abril de 2023, en Ourense, Galicia (España). Os médicos galegos están chamados a secundar a h
Agostime - Europa Press - Archivo
Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 30 junio 2025 14:00

   OURENSE, 30 Jun. (EUROPA PRESS) -

   Unha médica que traballa en urxencias no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) sufriu na madrugada do domingo unha agresión por parte dunha paciente.

   Así o confirman fontes da área Sanitaria despois de que o sindicato médico O'Mega emitise un comunicado no que sinala que a profesional afectada sufriu "diferentes lesións e hematomas".

   De acordo co relato desta organización, a paciente negouse a esperar a súa quenda e esixiu "ser atendida de inmediato". Para O'Mega, este tipo de episodios "xa deixou de ser puntual e comeza a ser algo case habitual nos hospitais e centros de saúde galegos".

   Así, menciona os casos recentes, ocorridos no mes de xuño, no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee e no centro de saúde de San José, na Coruña; sen deixar de lembrar o apuñalamento a un enfermeiro o pasado febreiro nas urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).

   Neste contexto, o sindicato denuncia que a Consellería de Sanidade "non fai o suficiente para garantir" a seguridade dos profesionais. Aínda que está en trámite unha modificación legal con medidas neste sentido, O'Mega cre que "obvia as achegas" do colectivo e esixe un reforzo da súa protección "con carácter inmediato".

   O sindicato, que ofrece ao facultativos asesoramento legal ante calquera medida que decidan emprender nestes casos, insiste en que as agresións a sanitarios "non poden seguir normalizándose" e aproveita para denunciar que os médicos traballan "con recursos xustos, en consultas saturadas e en moitos casos sós ante situacións violentas".

Contenido patrocinado