Airbus, Babcock e Telespazio, novas socias da Xunta para proxectos no polo aerospacial de Rozas

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda Valenzuela, preside a reunión do Consello da Xunta. Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, 28/09/22.
XUNTA
Publicado: jueves, 29 septiembre 2022 18:30

   A Administración galega achegará uns 50 millóns, mentres que as compañías encargaranse dos 233 restantes

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Sep. (EUROPA PRESS) -

   O Consello da Xunta autorizou este xoves a firma de senllos convenios coas empresas Airbus, Babcock e Telespazio, que serán o "tres primeiros socios estratéxicos" do polo aeroespacial de Galicia, situado en Rozas (Lugo).

   Segundo detallou o presidente galego, Alfonso Rueda, tras a reunión semanal do seu Goberno, tratarase dunha "alianza público-privada" entre a Administración autonómica e estas tres compañías "de recoñecida traxectoria internacional" que consistirá nunha mobilización total de 283 millóns de euros coa previsión de crear 400 postos de traballo até 2026.

   En total, serán 40 proxectos de I+D no campo dos sistemas non tripulados, para os cales a Xunta achegará 49,8 millóns de euros, mentres que a maioría do investimento --os 233 millóns restantes-- correrá a cargo das propias empresas. De feito, o 64 por cento dos fondos autonómicos investiranse en contratar a empresas galegas, universidades e centros tecnolóxicos.

   De todas as iniciativas, Airbus farase cargo de 20 centradas en I+D cunha mobilización público-privada de 242,6 millóns --28,7 da Xunta e o resto, da propia compañía-- para crear 168 empregos directos.

   "Os proxectos centraranse no desenvolvemento de sistemas de propulsión de reducido impacio medio ambiental ou plataformas multioperaciones para vehículos non tripulados", explicou Rueda.

   Pola súa banda, Babcock consolida a súa presenza no polo aeroespacial de Rozas xunto con Telespazio, compañía pertencente á multinacional franco-italiana Leonardo & Thales Groups.

   Neste caso, desenvolverán conxuntamente un programa de xestión, vixilancia e monitorización da biodiversidade, que mobilizará 40,6 millóns --21,18 por parte da Administración autonómica e do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea-- e creará 236 postos de traballo.

   A selección destas tres empresas xorde tras un procedemento de diálogo que se desenvolveu até o mes de xullo con sete compañías implicadas. Aínda que catro quedaron fóra, a Xunta confía en captar fondos europeos para seguir incorporando programas de I+D e novos socios.