O alcalde de Santiago non teme un "efecto contaxio" do conflito de En Marea en Compostela Aberta para as municipais

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño noriega, en rolda de prensa
EUROPA PRESS
Publicado 11/01/2019 13:33:56CET

Noriega agradece o "apoio sen fisuras" mostrado por Luís Villares

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Ene. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, mostrouse confiado en que o conflito que vive En Marea a nivel autonómico non produza un "efecto contaxio" no espazo político de Compostela Aberta e non lle preocupa que poida afectar á formación de cara ás eleccións municipais de maio.

Aínda que admitiu que existen "vasos comunicantes", Noriega explicou que "as dinámicas locais distan moito das doutros ámbitos", e puxo como exemplo a súa experiencia en Teo: "Pasou que uns meses antes das eleccións locais, nas europeas o voto ao Bloque non chegou ao 10 por cento, e nas municipais tivemos maioría absoluta", dixo en referencia á súa etapa na formación nacionalista, que acabou abandonando.

O rexedor compostelán destacou o "esforzo en preservar o espazo político de Compostela Aberta" e a importancia de "coidalo", antes de mostrarse convencido de que "non hai efecto contaxio nin tradución do conflito e da dinámica a nivel galego".

Nesta liña, profundou na necesidade de "ser responsable e preservar o espazo local". Martiño Noriega afirmou que na formación "habitan persoas de todo tipo de posicións con respecto ao ámbito galego, pero que a nivel local teñen claro que gobernar Compostela é un reto e unha responsabilidade que vale a pena".

Por iso, argumentou que non será el "o que non consinta este espazo". "Esperamos que non haxa contaxio e coidaremos o espazo para seguir liderando o proceso de cambio no que está a cidade", remarcou.

RESPOSTA A VILLARES

Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, agradeceu a mensaxe de "apoio sen fisuras" expresado polo líder de En Marea, Luís Villares. "Todos os apoios parécennos marabillosos", afirmou Noriega, que engadiu que "nunca sobran".

Sobre este particular bromeou, ao explicar que agradece ao deán cando lle di que reza por el: "Nunca se sabe onde vai precisar de todo tipo de recomendacións, tamén no máis aló".

Contador