Alcaldes piden axuda a outras administracións contra o botellón porque as súas ordenanzas precisan respaldo legal

Actualizado 17/10/2007 23:44:33 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Oct. (EUROPA PRESS) -

Os alcaldes das grandes cidades galegas coincidiron hoxe en demandar a "implicación" dos gobernos central e autonómico contra os efectos "negativos" do botellón porque consideran que as ordenanzas municipais necesitan ter o respaldo de leis.

Así o comunicou o rexedor de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que exerceu como voceiro tras reunirse na capital de Galicia cos de Lugo, Xosé Clemente López Orozco; da Coruña, Javier Losada; de Ourense, Francisco Rodríguez; de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e de Ferrol, Vicente Irisarri. O de Vigo, Abel Caballero, xustificou a súa ausencia por ter que participar no Pleno da Mancomunidade.

Xosé Sánchez Bugallo asegurou que os municipios están dispostos a ditar ordenanzas, pero recordou que este "é o chanzo máis baixo e necesita sustentarse en leis que lle dean cobertura". Tamén sinalou que a solución ten que ser "positiva para os cidadáns, pero tamén para os mozos".

O alcalde compostelano indicou que os concellos porán "todos os seus medios humanos e os recursos que teñen para paliar os efectos negativos do botellón", pero quixo implicar tamén á comunidade educativa e aos pais, pois recordou que "a inmensa maioría" dos que fan botellón son novos estudantes, entre os que se encontran menores de idade.

Os rexedores mostráronse de acordo en que "a solución" non pasa por medidas coercitivas, pero asumiron que "non hai varas máxicas" e que o problema non se arranxará a curto prazo. Iso si, precisaron que se tomarán as medidas necesarias para garantir a seguridade cidadá.

Ademais, recoñeceron que a solución non será única para un concello e que non se debe solucionar nun municipio trasladándoo o problema a outro próximo. Por iso, anunciaron que terán reunións periódicas, con responsables da Xunta, para abordar o asunto de xeito coordinado, pois o botellón ten implicacións de seguridade, comercio ou saúde pública.